martes, 7 de mayo de 2024

PROBAS DE ACCESO ÁS ENSINANZAS DEPORTIVAS PARA O CURSO 2024/25

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2024/25.

Lugar, prazo e forma de presentación das solicitudes
1. A solicitude de inscrición, tal como indica o artigo 27.1 da Orde do 22 de xullo de 2021, presentarase na secretaría dalgún dos centros públicos docentes vinculados a cada modalidade deportiva, segundo consta na relación do anexo IV. Na modalidade deportiva de fútbol deberá presentarse necesariamente na secretaría do centro elixido para realizar a proba específica.

2. O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de educación secundaria obrigatoria e/ou na proba específica de grao medio será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 26 de xuño de 2024, ambos incluídos.

3. O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 20 de maio de 2024, ambos incluídos.

4. Para tal fin, os centros docentes deberán expoñer nos seus taboleiros de anuncios o seguinte:

a) Normativa reguladora do procedemento de inscrición nas probas de acceso ás ensinanzas deportivas.
b) Calendario de publicación da listaxe provisional e definitiva de solicitudes admitidas e excluídas, así como dos prazos para presentar reclamacións.
c) Calendario e procedemento para formalizar a matrícula.

5. Os centros docentes facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo de solicitude de inscrición para a realización das probas.

6. Á solicitude de inscrición achegarase a documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

a) Copia do DNI, NIE ou pasaporte da persoa solicitante.
b) Orixinal da solicitude de inscrición conforme o modelo facilitado polo centro docente.
c) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño, salvo en caso de estar exento/a do pagamento.
d) En caso de bonificación ou exención no pagamento do prezo público, documento que o acredite.
e) Certificación académica en que conste o expediente académico e/ou depósito dalgún dos seguintes títulos:
1º. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou título de bacharelato (ou declarados equivalentes para os efectos académicos), ou certificación académica en que figure que se realizou o depósito do correspondente título.
2º. Título de técnico superior.
3º. Título universitario.
f) Certificado de estudos do ciclo formativo en que figuren as cualificacións das materias cursadas e en que figure que se realizou o depósito do correspondente título.
g) Certificado de superación da proba substitutiva do requisito de titulación, de grao medio ou superior, de acceso ás ensinanzas deportivas.
h) Certificado de superación da proba substitutiva de titulación para acceder aos ciclos formativos de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.
i) Certificado de superación da proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou superior (parte común) de formación profesional.
j) Certificado de superación da proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
k) Certificado de superación da proba substitutiva de titulación para acceder ás ensinanzas artísticas superiores.
l) Resolución do órgano competente en materia de deporte pola que se acredita a consideración de deportista de alto nivel ou de alto rendemento.
m) Certificado de méritos deportivos expedido pola federación española ou autonómica correspondente.
n) Para titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase a declaración responsable para a inscrición condicionada, tal como se establece na Orde do 9 de xullo de 2018 reguladora do procedemento de homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.
ñ) Certificado do recoñecemento do grao de discapacidade.

7. As persoas solicitantes da exención da realización da proba substitutiva do requisito de titulación por superar totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos poderán quedar total ou parcialmente exentas de realizar esta proba, segundo o establecido no punto décimo da Orde do 24 de marzo de 2003 pola que se regulan as probas de madureza e de carácter específico para o acceso ás ensinanzas deportivas, polo que deberán achegar o certificado correspondente onde conste a opción efectuada e a puntuación conseguida. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.

8. As persoas solicitantes que deban realizar a proba substitutiva do requisito de titulación farano constar na epígrafe correspondente na solicitude de inscrición. No caso de non superar a dita proba, non serán admitidas na proba de carácter específico.


jueves, 2 de mayo de 2024

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE EQUIPAMENTO DE APROVEITAMENTO DE ENERXÍAS RENOVABLES ELÉCTRICAS E DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS DE PRODUCCIÓN AGRÍCOLA PRIMARIA PARA O ANO 2024

 AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia (código de procedemento IN421L).

Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a instalación de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria.
Para os efectos desta resolución, consideraranse sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades recollidas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación destas bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea anterior.

Contía da axuda
A contía da axuda será do 30 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 € por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo en que se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Se o remate do prazo coincide en día inhábil prorrogarase ata o seguinte día hábil.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Prazo para a execución da instalación
A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro de 2024.

lunes, 29 de abril de 2024

CURSO: CULTIVO DE CÁNABO



 

DATAS REALIZACIÓN DAS PROBAS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA, NIVEIS CELGA 1, 2,3 E 4

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2024, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se fixan as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, que foron convocadas mediante a Resolución do 5 de marzo de 2024 (código de procedemento PL500C).

Mediante a Resolución do 5 de marzo de 2024, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocáronse as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2024 (código de procedemento PL500C) (DOG núm. 52, do 13 de marzo). Segundo se recolle no seu punto terceiro, as probas terán lugar en maio e xuño de 2024, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. Así mesmo, tamén se sinala que as datas concretas das probas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

De acordo con isto,
RESOLVO:
Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), convocadas mediante a Resolución do 5 de marzo de 2024:

– Celga 4, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:
18 de maio de 2024, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U.
19 de maio de 2024, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G.

– Celga 3, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:
25 de maio de 2024, para todas as persoas admitidas.

– Celga 2, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:
26 de maio de 2024, para todas as persoas admitidas.

– Celga 1, en Santiago de Compostela:
1 de xuño de 2024, para todas as persoas admitidas.

Os centros de realización das probas serán:
– En Santiago de Compostela: o IES Antonio Fraguas (Celga 4, Celga 3 e Celga 2) e a Escola Galega de Administración Pública (Celga 1).
– En Ponferrada: a Escola Oficial de Idiomas desta localidade (Celga 4, Celga 3 e Celga 2).

As probas comezarán ás 9.00 horas, de modo que as persoas admitidas deberán presentarse no centro que lles corresponda con antelación suficiente. Na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias) tamén se poderá consultar esta información, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade. Así mesmo, na web publicarase, na semana das probas correspondentes, a porta de acceso ao centro e a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás cales, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e a aula que se lles asigne.

Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta se realizará o mesmo día que a proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar a dita proba oral publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha vez que remate a proba escrita.

viernes, 26 de abril de 2024

AXUDAS A GRANDES EMPRESAS EN FOEXGA 2024

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Grandes Empresas en Foexga 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para favorecer o incremento da internacionalización das grandes empresas, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización.
O obxectivo principal destas bases é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.
As actuacións que engloban están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica, das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Persoas beneficiarias
As empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que superen os límites establecidos para a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26.6.2014, L 187).
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Que conten con presenza nos medios dixitais internacionais; contarán, como mínimo, cunha páxina web con versión en inglés.
e) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser persoa beneficiaria da axuda, e as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
f) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no artigo 2.3 das bases reguladoras.
g) Que estean ao día nos pagamentos debidos ás cámaras.
h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo (nin coas empresas pemes participantes na acción de correspondencia do Foexga) para poderen optar á subvención; no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas, só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa, tanto directa como indirecta, na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda iniciarase ás 8.00 horas do día seguinte hábil ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 14.00 horas do 31 de outubro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE BACHARELATO CURSO 2023/24

 CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL

ORDE do 19 de abril de 2024 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2023/24 (código de procedemento ED311A).

Obxecto
Convocar na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de bacharelato (código de procedemento ED311A) para o alumnado que finalice os estudos de bacharelato no curso 2023/24 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Persoas beneficiarias
Alumnado que finalice os estudos de bacharelato no curso 2023/24 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, sexa proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso e obtivese unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, comezará o día 29 de abril de 2024 e rematará o día 28 de maio de 2024.