jueves, 15 de marzo de 2018

CONVOCATORIA EXAMES ORDINARIOS TEÓRICOS E PRÁCTICOS DAS TITULACIÓNS PARA O GOBERNO DAS EMBARCACIÓNS DE LECER E MOTOS NÁUTICAS EN GALICIA

CONSELLERÍA DO MAR


Obxecto.
O obxecto desta resolución é establecer os requisitos para acceder ás probas ordinarias teóricas e prácticas, así como fixar as datas e os lugares de realización das citadas probas para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.
Para a presentación de solicitudes deberán empregarse os modelos normalizados correspondentes ao código do procedemento administrativo PE616C, que están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PE616C
Normas xerais.
a) Os exames teóricos e prácticos realizaranos os tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007 pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo-pesqueiras e náutico-deportivas (DOG núm. 243, do 18.12.2007).
b) As persoas que se presenten ao exame teórico complementario do patrón/patroa de embarcacións de lecer, deben estar en posesión da tarxeta de patrón/patroa para navegación básica ou do certificado de exame expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia. Os posuidores do certificado de exame soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. Para este efecto, no caso de presentarse ás convocatorias extraordinarias estas serán computadas como ordinarias. Estas persoas soamente terán que examinarse das unidades teóricas 7, 8, 9, 10 e 11 e disporán dun tempo máximo de 45 minutos para realizar o exame.
c) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame para obter o título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e non consigan superar a proba, pero si o fagan de acordo coas exixencias de patrón/patroa para navegación básica, recoñeceráselle o dito aprobado, ben para as seguintes convocatorias nesta Administración, ou ben para a expedición do título de patrón para navegación básica. Conservarán o aprobado perante un período máximo de dúas convocatorias consecutivas ordinarias en que esta Administración realice os exames de patrón/patroa de embarcacións de lecer. Para este efecto, no caso de presentarse ás convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.
d) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate ou patrón/patroa de iate e superen algún dos módulos que conforman o exame teórico de acordo co regulado no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, conservaráselle o aprobado destes nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias que convoque esta Administración. Para este efecto, no caso de presentarse as convocatorias extraordinarias estas serán computadas como ordinarias.
Idade mínima.
O título de patrón/patroa para navegación básica poden obtelo os/as menores de idade que teñan cumpridos os 16 anos de idade no momento de realización das probas, sempre que acrediten, mediante a presentación por escrito do consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais e superen os requisitos teóricos e prácticos exixidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.
Para obter calquera das outras titulacións náuticas de lecer os/as interesados/as deberán ter cumpridos os 18 anos de idade no momento en que se realicen as probas para a obtención destes títulos.
Presentación de solicitudes.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Unha vez finalizado o prazo de matrícula de cada convocatoria que aparece indicado no anexo II, farase pública a listaxe provisional das persoas admitidas e excluídas no portal web de formación da Consellería do Mar http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/investigacion-e-formacion/formacion/informacion-do-alumnado e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que as persoas excluídas poidan emendar as deficiencias, de acordo co disposto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.
Prazo de matrícula: do 2 de abril ata o 20 de abril de 2018, ambos incluídos.