martes, 6 de marzo de 2018

BOLSAS DE EXCELENCIA PARA A MOCIDADE DO EXTERIOR

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto e réxime das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cen (100) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no ano 2018 nunha universidade galega, condicionada aos límites de financiamento.
2. Os másteres universitarios para os cales se conceden as bolsas son só os sinalados na lista do anexo I desta resolución, onde se recolle a universidade galega e o campus en que se imparten, así como o número de créditos ECTS de cada un deles.
3. Para a concesión destas bolsas é necesario que se acredite de xeito previo estar matriculado/a nun máster dos sinalados na dita lista do anexo I, nun mínimo de 60 créditos ECTS e modalidade presencial.
4. Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código PR911A.
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar estas axudas os/as cidadáns/ás galegos/as residentes no exterior cunha titulación universitaria de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a.
Requisitos
1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar na data da presentación de solicitudes:
a) Ser menor de 40 anos.
b) Estar en posesión da nacionalidade española.
c) Residir no estranxeiro.
d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia no estranxeiro inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.
e) Ser emigrante nacido/a en Galicia, ou ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha destas persoas e que nacese no estranxeiro.
f) Ter rematado e estar en posesión dalgunha titulación universitaria de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico/a, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico/a ou outra declarada equivalente de forma expresa.
2. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar na data da presentación de solicitudes ou con posterioridade a esta, pero sempre con carácter previo á concesión da bolsa:
a) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculado/a a un concello galego.
b) Estar matriculado/a no curso 2018/19 nun máster universitario dos ofertados nesta convocatoria e sinalados no anexo I desta resolución, dun mínimo de 60 créditos na modalidade presencial. Para os másteres cunha duración total de 90 créditos, a matrícula dos 30 créditos restantes, correspondentes ao curso 2019/20, realizarase e acreditarase no ano 2019.
3. Para poderen acreditar o requisito sinalado no parágrafo anterior, de estar matriculado/a no curso 2018/19 nun máster universitario, os/as solicitantes deben realizar con carácter previo o proceso de solicitude de admisión nun ou en varios másteres dos ofertados nesta convocatoria, nas universidades galegas que prefiran, coa antelación necesaria para poderen presentar o xustificante de matrícula. Cada universidade establece diferentes prazos de admisión e deben estar en contacto directo con elas para informarse dos programas de máster da súa área de interese, así como dos requisitos e da documentación que deben presentar.
Para estes efectos, para ser admitido/a nunha universidade, no caso de títulos estranxeiros de estudos de países alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), deberase tramitar a solicitude de equivalencia na universidade galega onde se pretenda cursar o máster. Non será necesario no caso de que o título estea xa homologado a un título universitario oficial español ou a outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro Estado membro do EEES e que faculten para o acceso a estudos de máster.
Esta admisión por parte das universidades non implicará, en ningún caso, a homologación do título estranxeiro de que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos que non sexan os de cursar os estudos de máster.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 31 de maio de 2018 ás 24.00 horas (hora peninsular española).