lunes, 5 de febrero de 2018

PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN NA EMPRESA ORDINARIA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

ORDE do 22 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se convocan para o ano 2018.

Obxecto
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2018 coa finalidade de facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.
Persoas e entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas deberán facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.
2. As solicitudes dos bonos de contratación e formación deberanse presentar no prazo dun mes desde a data de formalización do contrato.
3. O prazo para presentar as solicitudes rematará o 15 de outubro 2018, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.