lunes, 26 de febrero de 2018

CONCURSO SOBRE CONSUMO RESPONSABLE E CALIDADE DE VIDA CONSUMÓPOLIS-13 NA PUBLICIDADE: TODO VALE?

INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso escolar 2017/18 Consumópolis-13 sobre consumo responsable e calidade de vida que leva por título: «Na publicidade: todo vale?» (código do procedemento IN114A).
2. O concurso consta de dúas partes: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.
3. A primeira parte do concurso consiste na realización do percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es.
4. A segunda parte do concurso consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto sobre consumo responsable.
Participantes
1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos 5º ou 6º de educación primaria ou 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria en calquera centro docente da Comunidades Autónoma de Galicia.
2. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teña máis de tres membros do mesmo sexo.
3. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.
4. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.
Categorías de participación
Establécense tres categorías de participación:
– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.
– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.
– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria.
Premios
1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.
2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal, que terá lugar en Madrid.
Certificación e recoñecemento
1. Todos os membros do equipo recibirán, ademais dos premios, un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.
2. Os docentes que participasen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.
Características do traballo en equipo
1. Cada equipo participante deberá deseñar, elaborar e presentar un traballo sobre consumo responsable en relación coa publicidade dun produto ou servizo concreto. Este traballo realizarase de xeito colaborativo entre todos os membros do equipo.
O traballo consistirá nun cartel ou valo publicitario (mural), e estará composto por unha imaxe (debuxo, fotografía, colaxe, etc.) e un lema ou slogan, cuxo público destinatario serán alumnos e alumnas incluídos no mesmo rango de idade que os participantes.
2. Na elaboración do cartel ou valo publicitario deberán respectarse os principios da educación en valores, de forma que o alumnado reflexione sobre o que está permitido e non permitido na publicidade e tome conciencia daquelas técnicas publicitarias constitutivas de publicidade ilícita.
O resultado final debe consistir nun modelo de boa práctica, de xeito que o traballo reflicta un anuncio non sexista, non discriminatorio, non denigrante nin enganoso, con información clara e veraz, que non induza a erro no público destinatario, e que respecte a dignidade e os dereitos dos menores.
Prazo de presentación
O prazo para a presentación dos traballos á fase autonómica comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 27 de abril de 2018.