lunes, 5 de febrero de 2018

AXUDAS DE COMPENSACIÓNS COMPLEMENTARIAS E AXUDAS PARA A REPOSICIÓN DOS ANIMAIS EN EXPLOTACIÓNS DE GANDO BOVINO, OVINO E CABRÚN POR SACRIFICIO OBRIGATORIO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2018:
1. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nas explotacións de gando bovino e de gando ovino e cabrún, rexistradas en Galicia, con motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levados a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarias oficiais (códigos de procedemento MR553A e MR553B).
2. As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teñan por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados e os casos de morte/sacrificio deses animais en consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación (código de procedemento MR550A).
Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.
2. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas para a compra de animais de reposición as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, así como as persoas titulares daquelas explotacións onde morresen ou se practicase a eutanasia de animais das ditas especies, por mor dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.
3. As persoas solicitantes das axudas establecidas nesta orde, para seren beneficiarias delas, deberán ter a condición de pemes, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
4. En cumprimento do artigo 1.6.b).ii) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, as pemes beneficiarias do presente réxime de axudas non terán a consideración de empresas en crise, segundo a definición destas establecida no artigo 2.14 deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por mor dos danos ou perdas causados polas enfermidades animais recollidas na lista da Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) ou nos anexos I e II do Regulamento (UE) nº 652/2014 do Parlamento Europeo e do Consello.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación será desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2018, incluíndo ambas as dúas datas no cómputo do prazo.