miércoles, 27 de diciembre de 2017

BOLSAS DE FORMACIÓN PRÁCTICA PARA PERSOAS TITULADAS SUPERIORES UNIVERSITARIAS E EN FORMACIÓN PROFESIONAL EN ASUNTOS RELACIONADOS COA UE

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto, finalidade e duración
Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión de seis bolsas de formación práctica, cinco dirixidas a persoas licenciadas ou posuidoras de grao universitario e unha dirixida a persoas técnicas superiores de formación profesional en Secretariado ou Asistencia á Dirección, para a realización de prácticas en asuntos europeos nas oficinas da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e en Bruxelas durante o ano 2018 (código de procedemento PR770N).
Condicións xerais
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
As bolsas serán indivisibles e improrrogables. Serán tamén incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.
As persoas adxudicatarias, no momento de aceptación da bolsa, non poderán ser perceptoras de salarios ou outros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. As bolsas son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.
As persoas solicitantes non poderán estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.
A concesión e goce da bolsa non supoñerá vinculación civil, laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Fundación Galicia Europa.
A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.
Persoas beneficiarias
Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
1. Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
2. Ser natural de Galicia, ou ser fillo/filla de galegos ou acreditar residencia en Galicia desde antes do 1 de xaneiro de 2015.
3. Titulación: estar en posesión dalgún dos seguintes títulos, todos eles obtidos con posterioridade ao 31 de decembro de 2010:
a) Para as bolsas de formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas, así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos: título universitario superior (licenciatura ou grao).
b) Para a bolsa de formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos: grao ou licenciatura en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.
c) Para a bolsa dirixida a titulados de formación profesional: título de técnica/o superior en Secretariado ou técnica/o superior en Asistencia á Dirección.
4. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de reserva e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a catro meses.
5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do obxecto desta bolsa.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.