martes, 7 de noviembre de 2017

AXUDAS DESTINADAS A GARANTIR A SUBMINISTRACIÓN DE AUGA ÁS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas, en réxime de minimis, destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrícolas e gandeiras naquelas zonas afectadas por unha declaración de seca na zona xeográfica en que están asentadas e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento MR405C).

As axudas recollidas nesta orde teñen como finalidade facilitar o acceso á auga ás explotacións agrícolas e gandeiras que basean as súas producións en superficies de cultivos.

Persoas beneficiarias
Poderán acollerse a estas axudas os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, entendendo como tales aqueles que exercen a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación, das zonas declaradas de alerta ou de prealerta por seca no ano 2017 nas demarcacións hidrográficas de Galicia Costa, Miño-Sil e do Douro no momento publicación desta convocatoria.

Quedan excluídos os titulares de explotacións de autoconsumo ou sen actividade comercial.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Investimentos subvencionables.
Serán subvencionables os seguintes conceptos:
a) Novas estruturas e mellora das estruturas existentes para o abastecemento de auga tales como balsas de almacenamento, bebedoiros, conducións para o seu abastecemento, sempre que non supoña unha nova captación de auga.
b) Equipamentos para a mellora do abastecemento de auga ás explotacións gandeiras, como cisternas móbiles ou bebedoiros móbiles.
c) En xeral, servizos de abastecemento de auga ás explotacións agrarias.