viernes, 29 de septiembre de 2017

SUBVENCIÓNS PARA PROGRAMAS DE INTERESE XERAL PARA FINS DE CARÁCTER SOCIAL

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Finalidade
Establecer as bases reguladoras e convocar as axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento BS623D).
Estas axudas destinaranse a realizar actividades de interese xeral que obtivesen financiamento estatal con cargo á asignación tributaria do IRPF na convocatoria do ano 2016 no marco dos seguintes programas:
a) Programas para a atención ás persoas con necesidades de atención integral sociosanitaria.
b) Programas para a atención ás persoas con necesidades educativas ou de inserción laboral.
c) Programas para o fomento da seguridade cidadá e a prevención da delincuencia.
O contido dos programas citados axustarase ao previsto na relación que se xunta como anexo I da orde de convocatoria.
Entidades beneficiarias
Entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de antelación á data da convocatoria e, cando proceda, debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico ou estatal. Este último requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes establecido no artigo 8.2.
b) Carecer de ánimo de lucro.
c) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización das actividades consideradas subvencionables de acordo co establecido no artigo 4.
d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e por reintegro de subvencións, impostas polas disposicións vixentes.
e) Ter obtido axuda con cargo á asignación tributaria do imposto sobre a renda das persoas físicas na convocatoria do ano 2016 para o desenvolvemento dos programas obxecto de subvención de maneira real e efectiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. No suposto de que a axuda para o desenvolvemento do/s programa/s fose obtida por unha estrutura de ámbito nacional e forme parte dela unha análoga de ámbito autonómico, só poderá obter a condición de beneficiaria esta última.
Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica. Estas agrupacións deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se deberá aplicar a cada un deles. Así mesmo, deberán nomear unha persoa en representación con poderes suficientes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
No caso de que algunha destas entidades sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propor de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.