lunes, 4 de septiembre de 2017

SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE INSTALACIÓN DE ASCENSORES E OUTROS DISPOSITIVOS DE ACCESIBILDADE

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Obxecto
Mediante esta orde convócanse, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, as subvencións para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex, así como en vivendas unifamiliares que carezan deles.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de persoas propietarias, as persoas físicas propietarias únicas de edificios de vivendas, as persoas físicas propietarias dun dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e as persoas físicas propietarias dunha vivenda unifamiliar.
Para os efectos desta orde, considerarase como persoa propietaria única do edificio a persoa física titular do pleno dominio do edificio.
Para o caso de vivenda dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e de vivenda unifamiliar, exixirase que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria non excedan 3,5 veces o índice público de renda de efectos múltiples.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de novembro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.