lunes, 18 de septiembre de 2017

PROBAS DE CAPACITACIÓN PARA O ADESTRAMENTO DE CANS PARA GARDA E DEFENSA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO


Obxecto das probas e modalidades
1. As probas que deben superarse para a obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans para garda e defensa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código do procedemento administrativo: MT420B) rexeranse pola bases contidas neste anexo.
2. As probas para obter o certificado de capacitación consitirán na realización dun exercicio teórico escrito e dun exame práctico con cans.
Requisitos das persoas aspirantes
En consonancia co disposto no artigo 14.2 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deben reunir no momento da presentación da solicitude, os seguintes requisitos:
a) Ser maiores de idade.
b) Non estar incapacitadas física nin psiquicamente.
c) Ausencia de antecedentes penais por delictos de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade, ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico.
d) Ausencia de sancións por infraccións en materia de protección animal ou en materia de tenza de animais potencialmente perigosos.
e) Antecedentes e experiencia acreditada durante un mínimo de 5 anos no adestramento de cans.
Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes para a realización das probas para a obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans para garda e defensa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia axustarase ao modelo normalizado que se recolle como anexo III desta resolución, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código MT420B.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A solicitude inclúe a declaración da persoa solicitante de que todos os datos contidos nela e os documentos que achegan son certos.
4. O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.