jueves, 21 de septiembre de 2017

PREMIOS COOPERA GALICIA 2017

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA



Obxecto
Estas bases teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria dos premios Coopera Galicia para o ano 2017, instituídos para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os traballos consistirán en proxectos, incluso proxectos piloto, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para o desenvolvemento de novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.
Para os efectos desta orde, terán a consideración de servizo os derivados da xestión das competencias municipais recollidas no artigo 25.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
Entidades beneficiarias
Poderán optar a estes premios as agrupacións de concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos de Galicia, os consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas, se as houber, que presenten un proxecto, incluso piloto, de xestión compartida de servizos para a mellora dos sistemas xa implantados ou para o desenvolvemento de novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.
Para os efectos desta orde, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.
Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais adscritos ou dos cales forma parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último.