lunes, 25 de septiembre de 2017

AXUDAS DO PLAN FOEXGA

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
1. Aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para o desenvolvemento e execución do Plan de fomento das exportacións galegas (en diante, Plan Foexga), coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas (procedemento IG422B), así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión (procedemento IG422A).
2. O obxectivo principal do Plan Foexga é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.
3. As actuacións que engloban o Plan Foexga están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.
Entidades beneficiarias
As empresas que cumpran os seguintes requisitos:
Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.
Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
As beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser consideradas empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e para as empresas do sector agrícola no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).
Que estean ao día dos pagamentos que deben ás cámaras.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza aos 5 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2017, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.