jueves, 27 de julio de 2017

AXUDAS PARA A BONIFICACIÓN DOS CUSTOS DO FINANCIAMENTO DOS AUTÓNOMOS E AS MICROEMPRESAS DE GALICIA

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto reducir os custos do financiamento das microempresas para acometer investimentos en Galicia e dotarse da liquidez necesaria para o desenvolvemento da actividade.
Beneficiarios
As empresas que teñan a consideración de microempresa, incluídos os autónomos, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.

En calquera caso, deberase nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terán que ter formalizada unha operación de préstamo cunha entidade financeira adherida ao convenio de colaboración asinado para o efecto, previamente ou con posterioridade á entrada en vigor das bases reguladoras, con fondos do ICO das liñas ICO-Empresas e Emprendedores 2017, ICO-Garantía SGR/SAECA 2017 ou ben con fondos da propia entidade financeira, sempre que estean avalados por unha SGR.

Os préstamos deberán estar formalizados a partir do 1 de xaneiro de 2017 e con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, por un importe inferior ou igual a 25.000 €, a un prazo igual ou superior a cinco anos, e cumprir coas condicións específicas de actividade e localización, establecidas nas bases reguladoras.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado no Igape iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2017. No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.