martes, 18 de julio de 2017

AXUDAS ECONÓMICAS PARA A CREACIÓN DE ESCOLAS INFANTÍS 0-3 EN POLÍGONOS INDUSTRIAIS E PARQUES EMPRESARIAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas para a posta en funcionamento de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o período 2017/2018 (código BS403D).
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial, a título individual ou agrupadas, que reúnan os seguintes requisitos:
Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono industrial ou parque empresarial ou nas súas inmediacións.
Achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos/as os/as non nados/as e en proceso de adopción.
Presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.
Cando se trate de agrupacións de asociacións empresariais ou entidades representativas dun parque empresarial ou polígono industrial deberá facerse constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de entidade beneficiaria. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. As entidades solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obter a condición de beneficiarias.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.