lunes, 17 de abril de 2017

PROGRAMA CAMPAÑA DE VERÁN 2017

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 7 de abril de 2017 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2017 e se procede á súa convocatoria.

Obxecto
1. Para facilitar que a xuventude galega poida participar en actividades de tempo libre de calidade, a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta a programación de actividades para o ano 2017 que se detalla no anexo I desta orde.
As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diferentes quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo e agosto.
2. A información sobre a convocatoria desta campaña, así como de cada actividade e instalación xuvenil onde se desenvolverá, atoparase detallada na páxina web www.xuventude.xunta.es
3. Co fin de lograr a efectiva difusión desta campaña para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo fotografías das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e mesmo divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como en páxinas web da Consellería de Política Social.
Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Actividades dirixidas á cidadanía», co tratamento previsto no artigo 15 desta orde.
Participantes
1. Poden solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria os/as mozos/as galegos/as residentes en Galicia, nacidos/as no ano sinalado no anexo I para cada actividade.
2. En canto á idade mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2017, cómpre destacar o seguinte:
a) Os/as nacidos/as no ano 1999 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
b) Os/as nacidos/as no ano 2008 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
3. Para ser admitido no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio nin trastorno de conduta e/ou de comportamento que dificulte a convivencia.
4. Ningún/ningunha participante poderá ser admitido/a en máis dun campamento por ano.
5. As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán participar nesta convocatoria cumprindo os seguintes requisitos:
a) Facer constar a súa condición no punto que figura no seu impreso de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios se os precisase.
b) Que no certificado de recoñecemento de discapacidade non se recolla a necesidade de axuda de terceira persoa.
c) Ter capacidade de integración nun grupo e que as súas limitacións e/ou necesidades especiais lles permitan participar e beneficiarse das actividades que se van desenvolver no destino que soliciten. A programación de actividades e as características das instalacións de cada campamento poderanse consultar na páxina web de xuventude (www.xuventude.xunta.es).
Os requisitos sinalados anteriormente serán condición necesaria para a admisión da solicitude e o seu incumprimento non permitirá a participación da persoa solicitante no campamento.
As persoas solicitantes con discapacidade que cumpran os requisitos sinalados deben optar, de conformidade co artigo seguinte, por unha destas dúas vías: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas para inclusión, de xeito que quedarán excluídas no suposto de que presenten a solicitude por ambos os dous procedementos.
6. Os/as menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se atopen en acollemento residencial poderán participar nesta convocatoria e deberán indicar esta condición no anexo de solicitude, marcando o recadro correspondente.
7. O incumprimento das normas recollidas neste artigo dará lugar á non admisión da solicitude.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.