miércoles, 12 de abril de 2017

ESTADÍAS E SERVIZOS NAS RESIDENCIAS DE TEMPO LIBRE

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2017 das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social (código de procedemento BS419A).
O procedemento regulado pola presente orde comprende exclusivamente as estadías reflectidas no anexo II cuxa adxudicación corresponde á Consellería de Política Social.
Persoas destinatarias
Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade ou menores, sempre que vaian en compañía dos seus proxenitores ou das súas proxenitoras ou titores ou titoras legais, e que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente poderán acollerse a esta orde os galegos e as galegas residentes no exterior.
Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.
Tipos de servizo
O servizo de residencia consistirá no aloxamento e na mantenza en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.
Poderán gozar do servizo de comedor os e as familiares e persoas con relación de amizade cos ou coas residentes, que veñan visitar as instalacións, segundo as normas para a provisión de prazas que determine a persoa que exerza a dirección de cada residencia, e sen prexuízo da prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.
Prezos
Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para as persoas non residentes, serán os previstos no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, modificado polo Decreto 65/2016, do 2 de xuño, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.
Solicitudes
1. Cada unidade familiar poderá solicitar estadías para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Política Social e para unha ou varias quendas.
2. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e que estará dispoñible na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo: http://www.xunta.gal/resultados-da-guia-de-procedementos
Presentación de solicitudes: lugar e prazo
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de maio de 2017.