miércoles, 22 de marzo de 2017

AXUDAS PARA PERSOAS TRABALLADORAS DESEMPREGADAS QUE PARTICIPEN EN ACCIÓNS FORMATIVAS DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, así como nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, no marco da formación de oferta da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.
Tamén se inclúen as subvencións en concepto de bolsas e axudas derivadas da oferta formativa executada nos centros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos. Ademais, por medio desta orde tamén se convocan, para as anualidades 2017 e 2018, as subvencións ás cales se refire o punto anterior.
Persoas beneficiarias
Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto desta convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde e nos artigos que se refiren a cada tipo de bolsa ou axuda.
Prazo de presentación de solicitudes
A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito e, en calquera caso, antes do 15 de decembro de 2017 para aquelas bolsas e axudas correspondentes a accións formativas que finalicen ata o 15 de novembro de 2017 (incluído), e antes do 15 de xullo de 2018 para aquelas accións formativas que finalicen entre o 16 de novembro do 2017 e o 30 de xuño de 2018.