lunes, 13 de febrero de 2017

CONVOCATORIA PROBAS PARA OBTENCIÓN DO TÍTULO DE E.S.O. PARA MAIORES DE 18 ANOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


RESOLVO: Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2017, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

Condicións das persoas aspirantes
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Teren feitos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2016/17 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.
4. O alumnado matriculado durante o curso 2016/17 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
4.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
4.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
Forma, lugar e prazos de presentación
1. Os prazos de matrícula serán:
Convocatoria de xuño: do 13 de marzo ao 24 de marzo de 2017, ambos os dous incluídos.
Convocatoria de setembro: do 3 ao 10 de xullo de 2017, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
2. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel nos centros educativos que se especifican no punto 4 ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
3. Xunto coa solicitude, achegarase a seguinte documentación:
a) Fotocopia do DNI ou doutro documento equivalente cando se denegue expresamente a consulta.
b) Copia cotexada, se procede, do certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias ou a certificación académica de ámbitos ou materias superados, de acordo coas especificacións establecidas nos números 2, 3 e 4 da epígrafe décimo primeira desta resolución.
c) Acreditación de proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro no caso de que se solicite a exención de lingua galega.
d) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia ou se denegue expresamente a consulta.
4. As persoas aspirantes formalizarán a súa inscrición nun dos seguintes centros, que constituirán tribunais para a avaliación das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria:
a) A Coruña:
– Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3, 2º andar, 15011 A Coruña.
b) Ferrol:
– Centro EPA Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n, 15406 Ferrol.
c) Santiago de Compostela:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra A e a letra L: IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra M e a letra Z: IES Rosalía de Castro, rúa San Clemente, 3, 15705 Santiago de Compostela.
d) Carballo:
– IES Isidro Parga Pondal, rúa Muíño da Pintura, 15100 Carballo.
e) Lugo:
– Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
f) Ourense:
– Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
g) Pontevedra:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra A e a letra F: Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra G e a letra O: IES Frei Martín Sarmiento, avenida de Vigo, 23, 36003 Pontevedra.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra P e a letra Z: IES Sánchez Cantón, avenida Raíña Victoria, 36001 Pontevedra.
h) Vigo:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra A e a letra F: Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8, 1º, 36202 Vigo.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra G e a letra O: IES Politécnico, rúa de Torrecedeira, 88, 36208 Vigo.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra P e a letra Z: IES Santa Irene, praza de América, 7, 36211 Vigo.
i) O Porriño:
– IES Ribeira do Louro, rúa Ribeira, s/n (Torneiros), 36410 O Porriño.
j) Tui:
– IES Indalecio Pérez Tizón, avenida da Concordia, s/n, 36700 Tui.
k) Vilagarcía de Arousa:
– IES Armando Cotarelo Valledor, rúa Armando Cotarelo Valledor, 4-6, 36611 Vilagarcía de Arousa.
l) Ponteareas:
– IES Val do Tea, rúa Feliciano Barrera, 15, 36860 Ponteareas.
5. Cando nos centros autorizados o número de persoas matriculadas exceda a capacidade dos espazos dispoñibles para realizar a proba, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que corresponda establecerá o centro ou centros en que os matriculados realizarán a proba.
6. No suposto anterior, o centro en que se formalice a matrícula elaborará listaxes definitivas de admitidos diferenciadas para cada centro no cal deben presentarse para realizar as probas. As listaxes organizaranse seguindo criterios de orde alfabética, por grupos de letras.
7. Para a realización das probas, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá agrupar nun único tribunal os aspirantes inscritos en dous ou máis centros, en caso de que o seu número non xustifique a creación dun tribunal.
Realización das probas
1. As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 2 de xuño e 7 de setembro para as respectivas convocatorias.
2. Entre as 8.30 e as 9.00 horas iniciarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba.
3. A sesión da mañá terá dúas partes: na primeira, das 9.30 horas ás 12.00 horas, realizarase a proba do ámbito científico-tecnolóxico, que inclúe exercicios das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de Educación Física.
Na segunda parte, das 12.15 horas ás 13.15 horas, realizarase a proba do ámbito social, que inclúe exercicios das materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación á Actividade Emprendedora Empresarial e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual, e Música.
Na sesión da tarde, das 16.00 horas ás 19.00 horas, realizarase a proba do ámbito da comunicación. Comprenderá os exercicios de:
a) Lingua Galega e Literatura.
a.1) Exercicio de redacción. Na valoración da redacción, terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, o dominio da ortografía e a presentación do escrito.
a.2) Cuestións de Lingua Galega e Literatura.
b) Lingua Castelá e Literatura.
b.1) Exercicio de redacción. Realizarase conforme ao disposto no punto a.1 para a Lingua Galega e Literatura.
b.2) Cuestións de Lingua Castelá e Literatura.
c) Lingua Estranxeira (inglés ou francés).
4. Seguindo as indicacións do equipo directivo dos centros onde se realizan as probas, o profesorado terá que colaborar nas tarefas de vixilancia dos exames.