viernes, 24 de febrero de 2017

AXUDAS DESTINADAS A ACCIÓNS DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras para a concesión de subvencións, pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral de Emprego, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de levar a cabo accións de formación e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia.
Beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias:
a) Na liña 1: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido intersectorial, as asociacións empresariais intersectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, e as organizacións sindicais intersectoriais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Na liña 2: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido sectorial e outras accións de fomento da prevención de riscos laborais:
1º. Fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.
2º. Organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.
3º. Asociacións empresariais galegas, sectoriais ou intersectoriais, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
4º. Asociacións profesionais e empresariais galegas, rexistradas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 20 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
5º. Asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomos/as rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
2. Non obstante o indicado no número 1, de conformidade co establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán constituír agrupacións de acordo co seguinte:
a) Os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta. Neste caso, xunto coa solicitude deberán achegar o certificado expedido por quen teña estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no cal se acredite a condición de membro asociado integrante desta e un compromiso formalizado entre ambas as dúas entidades en que se determine a parte estimada da actividade subvencionable que ten previsto executar, compromiso que será subscrito pola representación legal de ambas as dúas entidades segundo o modelo establecido no anexo V. En todo caso, o pagamento da subvención efectuarase á entidade beneficiaria principal.
As agrupacións formadas por organizacións ou entidades previstas na liña 1 e as entidades vinculadas a estas que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades formativas. Neste caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden a esta.
Importe
1. Estas axudas distribúense en dúas liñas:
a) Liña 1: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido intersectorial en materia de prevención de riscos laborais. Cun importe total de 490.000 euros.
b) Liña 2: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido sectorial e outras accións de fomento da prevención de riscos laborais. Cun importe total de 1.000.000 de euros.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.