martes, 9 de agosto de 2016

SUBVENCIONS REMATE DE FACHADAS E CUBERTAS, REHABILITACIÓN E RECONSTRUCCIÓN DE EDIFICIOS E VIVENDAS NO ÁMBITO RURAL, HISTÓRICO E DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO


Finalidade
Esta resolución ten por obxecto convocar, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de remate de fachadas e cubertas, así como de rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas promotoras das actuacións que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, ademais, conten coa resolución de cualificación definitiva ou coa cédula de rehabilitación de calidade.
No suposto de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, só poderán ser beneficiarias as persoas físicas titulares das vivendas ou dun dereito real que permita acometer as ditas actuacións. Estas persoas serán beneficiarias en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras.
2. Así mesmo, será necesario que a vivenda constitúa domicilio habitual e permanente da persoa beneficiaria ou das persoas que a ocupan en condición de arrendatarias. Neste caso, será preciso que o contrato de alugamento se formalizase entre o día seguinte ao da notificación da cualificación definitiva e o da publicación da convocatoria de subvención e, ademais, que a súa duración non sexa inferior aos cinco anos.
No suposto de vivendas con cédula de rehabilitación de calidade ou no caso de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, o cumprimento deste requisito deberá ser desde a data da solicitude da subvención.
No caso de persoas galegas residentes no exterior da Comunidade Autónoma e que non destinen as vivendas ao alugamento, a obriga de residencia habitual e permanente limitarase á residencia na vivenda rehabilitada ou reconstruída durante un período de, polo menos, 15 días ao ano.
3. Os ingresos das unidades de convivencia da persoa beneficiaria non poderán exceder os seguintes límites:
a) 3,5 veces o índice público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM), no caso de expedientes no ámbito rural iniciados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que continuaron a súa tramitación en aplicación das disposicións transitorias segunda e cuarta do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.
b) 6,5 veces o IPREM, no caso de expedientes no ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago iniciados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que continuaron a súa tramitación en aplicación da disposición transitoria segunda do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.
4. Para o caso de actuacións con destino ao alugamento, os ingresos ponderados das unidades de convivencia que residan nas vivendas non poderán exceder 4,5 veces o IPREM.
5. En ningún caso poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas que as solicitaran ao abeiro da Resolución do 8 de abril de 2016, agás que desistan expresamente das súas solicitudes, as presentaran fóra do prazo ou as que, aínda presentándoas dentro do prazo, fagan referencia a cualificacións definitivas posteriores ao 18 de maio de 2014 no ámbito rural ou ao 1 de xaneiro de 2013 para o ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.