jueves, 11 de agosto de 2016

SUBVENCIÓNS PARA O FINANCIAMENTO DAS ACCIÓNS FORMATIVAS CON COMPROMISO DE CONTRATACIÓN EN UNIDADES FORMATIVAS DAS EMPRESAS E DOS INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento das accións formativas para o emprego en unidades formativas nas empresas con compromiso de contratación e da actividade laboral asociada, dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, a través dos seguintes programas:
a) Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR301P).
b) Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR349X).
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias as empresas calquera que for a forma xurídica que adopten, que empreguen cincuenta ou máis persoas traballadoras en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
Para acadar o mínimo de cincuenta persoas traballadoras, poderán ser beneficiarias as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación.
Prazo de presentación das solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes das axudas correspondentes ao programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR301P) virá determinado polo cronograma de procesos de selección que se establece no número 6 do artigo 20 da orde de convocatoria. A data límite para a presentación de solicitudes será o 31 de outubro de 2016.
No caso das axudas correspondentes ao programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR349X), o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao remate da acción formativa, respectando, en todo caso, o límite máximo de 15 de decembro de 2016.
Excepcionalmente, nos supostos en que a acción formativa remate o 15 de decembro de 2016, de acordo co previsto no artigo 26 desta orde de convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes das axudas previstas no capítulo III finalizará o 20 de decembro de 2016.