martes, 9 de agosto de 2016

MODIFICACIÓN.- SUBVENCIÓNS PROGRAMA DE AXUDA AO ALUGAMENTO DE VIVENDAS

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Finalidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das prórrogas das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016 e proceder á convocatoria da prórroga para a anualidade 2016.
Persoas beneficiarias
Poderán beneficiarse das prórrogas destas axudas aquelas persoas que, tendo obtido unha subvención ao abeiro da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 pola que se convocaron as subvencións do programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 11, do 19 de xaneiro), cumpran os seguintes requisitos:
a) Que sexan titulares, en condición de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda e, pola súa vez, que esta constitúa a súa residencia habitual e permanente.
b) Que o límite de ingresos da súa unidade de convivencia non exceda 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Para estes efectos, o cómputo de ingresos da unidade de convivencia suxeitarase ao establecido nos artigos 4 e 5 da Orde do 24 de novembro de 2014.
c) Que as persoas membros da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, do Estado e da Seguridade Social.
d) Que non estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Que a renda mensual da vivenda que teñen alugada non supere os seguintes límites:
1) 600 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.
2) 500 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo; Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro; Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia; A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
3) 400 euros, se a vivenda está situada no resto de concellos de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deben presentarse antes dos 30 días naturais anteriores á data de remate da axuda concedida inicialmente.
2. No caso de que no momento da publicación da convocatoria xa estivese vencido o prazo anterior, a solicitude deberá presentarse dentro dos 30 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.