martes, 5 de julio de 2016

SUBVENCIÓNS A CONFEDERACIÓNS, FEDERACIÓNS E ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS DE ASESORAMENTO E FORMACIÓN DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto a realización, polas entidades referidas no punto primeiro, dun ou varios proxectos formativos orientados á adquisición de formación prelaboral e de habilidades para o desenvolvemento de actividades na vida cotiá que permitan unha preparación para unha futura inserción sociolaboral dos participantes.
Entidades beneficiarias
Poderán ser destinatarias das subvencións reguladas nesta convocatoria as confederacións e as federacións cuxo obxecto social inclúa a promoción ou realización de accións no ámbito das persoas con discapacidade e as entidades de iniciativa social que, contando con análogo obxecto social, non se atopen asociadas nin federadas ás anteriores entidades de segundo nivel asociativo.
Poderán, así mesmo, ser destinatarias as confederacións e federacións referidas no parágrafo anterior, que concorran conxuntamente con entidades de iniciativa social do seu ámbito federativo como agrupación de entidades, nos termos previstos polo artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
En ambos os dous supostos anteriores, as persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas na área de persoas con discapacidade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Carecer de ánimo de lucro.
c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.