viernes, 1 de julio de 2016

PROGRAMA EMEGA 2016

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e fomentar o emprendemento feminino en Galicia e a creación de emprego, por conta propia e por conta allea, para mulleres.
O programa Emega comprende as seguintes liñas e axudas complementarias: a) liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais; b) liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; c) liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico; d) liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica; e) axuda complementaria Concilia: co obxecto de promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, en dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea; f) axuda complementaria Dual: para incentivar a participación no programa de titorización que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro da convocatoria.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras.
Debe tratarse de empresas coa categoría de micro ou pequenas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten: empresarias individuais, sociedades civís ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
Importe
A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:
a) Liña Emprende: incentivos desde 12.000 € ata 22.000 €.
b) Liña Innova: incentivos desde 15.000 € ata 22.000 €.
c) Liña Activa: incentivos desde 6.000 € ata 18.000 €.
d) Liña ITEF: incentivos desde 18.000 € ata 50.000 €.
e) Axuda complementaria Concilia:
Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.
Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivo de 1.000 € a 5.000 €.
f) Axuda Dual: incentivo de 500 €.
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total dun millón trescentos trinta e oito mil cen euros (1.338.100 €), o 80 % con cargo ao FSE e o 20 % con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma. Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.