jueves, 9 de junio de 2016

CONVOCATORIA PROBAS CONSELLEIRO DE SEGURIDADE PARA O TRANSPORTE DE MERCADORIÁS PERIGOSAS POR ESTRADA E POR FERROCARRIL

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA



Obxecto das probas e prazo de presentación das solicitudes
1. Esta convocatoria ten por obxecto a realización das probas dirixidas á obtención (código MT310A) do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril, así como á renovación (código MT310B) dos certificados de conselleiro de seguridade.
2. O prazo de presentación das correspondentes solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. A data ou datas de realización das probas será determinada na resolución pola que se fixen os cadros de horarios e a relación definitiva de admitidos e excluídos.
Modalidades de transporte, programa das probas e estrutura dos exercicios
1. Este proceso selectivo abrangue as seguintes modalidades de transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril:
– Todas as clases.
– Clase 1 (materias e obxectos explosivos).
– Clase 2 (gases).
– Clase 7 (materias radioactivas).
– Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9. Materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo europeo para o transporte internacional de mercadorías perigosas por estrada (ADR) e no Regulamento relativo ao transporte internacional por ferrocarril de mercadorías perigosas (RID).
– Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).
2. De conformidade co establecido no anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable, os coñecementos que se terán en conta para a expedición do correspondente certificado referiranse, como mínimo, ás materias que no dito anexo se relacionan.
3. A lexislación sobre a cal versarán os exercicios será o ADR, o RID e demais normativa estatal, comunitaria e internacional que afecte o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril; todo isto, de acordo co previsto no referido anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro. A referida normativa será a vixente na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
4. A estrutura dos exercicios e a súa forma de cualificación serán as establecidas na Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro, de capacitación profesional dos conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable (BOE núm. 59, do 9 de marzo).