jueves, 9 de junio de 2016

AXUDAS A PROXECTOS DE DESENVOLVEMENTO DE NOVOS PRODUTOS, PRÁCTICAS, PROCESOS E TECNOLOXÍAS NO ÁMBITO AGROFORESTAL

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións para a execución de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas, e para a realización de accións de cooperación para a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2016.
En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica.
Beneficiarios
1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das subvencións obxecto da presente orde os grupos operativos da AEI constituídos para os efectos do desenvolvemento dun proxecto innovador. Segundo a redacción do artigo 35 do Regulamento 1305/2013, do 17 de decembro, na iniciativa de cooperación deberán intervir, como mínimo, dous axentes. Os grupos operativos estarán formados, polo menos, por unha entidade relacionada coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector. Terá preferencia a participación dun centro de innovación ou tecnolóxico de natureza pública ou privada.
Poderán acceder tamén:
a) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.
b) Entidades asesoras na conservación ou no uso sustentables dos recursos naturais.
c) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.
2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente orde:
a) Organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura e/ou silvicultura.
b) Empresas ou industrias transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.
Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 2, os axentes cooperantes. Poderán adquirir tal condición as seguintes entidades:
a) Produtores do sector agroforestal e as súas asociacións e outras organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria.
b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación da comunidade autónoma.
c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.
d) Entidades asesoras na conservación ou no uso sustentables dos recursos naturais.
e) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.
Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.