jueves, 9 de junio de 2016

AXUDAS PARA INVESTIMENTOS EN EMPRESAS DE PRIMEIRA TRANSFORMACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS E SE CONVOCAN PARA O EXERCIO ORZAMENTARIO 2016

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
1. Estas subvencións teñen por obxecto os investimentos en activos fixos produtivos en empresas de primeira transformación de produtos forestais que superen os 10.000 m3 de materia prima empregada nos procesos de transformación da dita materia prima e posteriores. Os investimentos que se van subvencionar deben ser novos e non se poden iniciar antes de presentar a solicitude de subvención. En ningún caso se poderán subvencionar investimentos que se utilicen para producir bens de consumo final.
2. Estas subvencións son incompatibles con calquera outra para o mesmo investimento.
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as empresas de primeira transformación de produtos forestais.
2. Para poder ser beneficiaria da axuda, a empresa debe cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser peme (pequena e mediana empresa) radicada en Galicia. Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
b) Ser industria de primeira transformación de produtos forestais que empregue no proceso de transformación máis de 10.000 m3 de materia prima (rolla ou outros produtos forestais).
c) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do seu importe.
2º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
3º. Amortizacións máis beneficios superior á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
4º. Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao investimento.
5º. Estudo de viabilidade asinado por profesional cualificado.
d) Deberá cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou certificación da Axencia Tributaria relativa a este) e unha declaración xurada do solicitante de que a empresa cumpre coa normativa ambiental. A empresa deberá estar inscrita no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, requisito que será comprobado pola Subdirección Xeral de Recursos Forestais.
e) Deberá ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de subvención e un contrato de prevención de riscos laborais.
f) Deberá estar inscrita no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor), de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Este requisito será comprobado pola Subdirección Xeral de Recursos Forestais.
g) Deberá ter, polo menos, o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.
h) Non poderá ser beneficiaria aquela empresa que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.