lunes, 9 de mayo de 2016

INSTRUCCIÓNS DE ACCESO E ADMISIÓN ÁS ENSINANZAS SUPERIORES DE CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN DE BENS CULTURAIS PARA O CURSO 2016/17

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Acceso
a) De acordo co establecido no artigo 16 da Orde do 30 de setembro de 2010, para o acceso ás ensinanzas superiores en Conservación e Restauración de Bens Culturais requirirase estar en posesión do título de bacharel ou titulación declarada equivalente, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, e superar a proba específica de acceso.
b) Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán realizar a dita proba e, no caso de obter praza, matricularse de forma provisional no prazo establecido; deberán acreditar a obtención do título de bacharel antes do inicio do curso no mes de setembro; e no caso de non acreditalo, perderán o dereito á matrícula e á praza.
c) De conformidade co citado artigo 16.2 da citada Orde do 30 de setembro de 2010, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.
d) Así mesmo, segundo o establecido no artigo 18.1 da citada orde, poderán acceder aos estudos superiores en Conservación e Restauración de Bens Culturais, sen realizar a proba específica sinalada no artigo 16 da mesma orde, os aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño.
Inscrición para realizar as probas
a) A inscrición farase na Secretaría da ECRBBCCG, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o día 13 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, o centro deberá expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.
b) Para a formalización das solicitudes de admisión, a ECRBBCCG facilitaralles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, se é o caso, para a acreditación dos datos consignados:
– Título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba de acceso a estas ensinanzas para maiores de dezaoito anos ou algunha materia do bacharelato, farano constar na solicitude, e quedará condicionada á superación dela.
c) Os aspirantes que estean pendentes da avaliación do proxecto final, ou da avaliación final do ciclo, para a obtención dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2015/16 e, en consecuencia, non dispoñan do título antes de finalizar o prazo de inscrición, poderán, igualmente, formalizar a súa inscrición para o acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, para o cal deberán presentar a certificación de ter solicitado o devandito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido.
d) O día 14 de xuño a ECRBBCCG exporá a lista provisional de admitidos ás probas. O alumnado que non sexa admitido poderá presentar a súa reclamación, ou solicitar a emenda dos erros observados, entre os días 15 e 16 de xuño, ambos os dous incluídos.
e) A ECRBBCCG deberá enviarlle á comisión, o día 17 de xuño, a través de correo electrónico, a relación definitiva de persoas inscritas para realizar as probas de acceso en cada especialidade, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade.
f) A relación definitiva de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios da ECRBBCCG o día 17 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es, o día 20 de xuño.
Matrícula
a) O alumnado que obteña praza deberá formalizar a súa matrícula entre os días 11 e 15 de xullo, ambos os dous incluídos.
b) Para a formalización das solicitudes de matrícula a ECRBBCC facilitaralles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única instancia na secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2016/17.
c) A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos/as, e non se cuantifica, para estes efectos, o alumnado repetidor.