miércoles, 25 de mayo de 2016

CONVOCATORIA 6 BOLSAS DE FORMACIÓN NOS LECTORADOS DE LINGUA, LITERATURA E CULTURA GALEGAS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, de seis bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nos centros de estudos galegos localizados nas universidades que se relacionan na táboa seguinte:
Destino                                                        Localidade                         País
Universidade de Berlín                                  Berlín                          Alemaña
Universidade Nova de Lisboa                       Lisboa                         Portugal
Universidade de Roma La Sapienza              Roma                          Italia
Universidade de Zádar                                   Zádar                          Croacia
Universidade do Estado do Río de Xaneiro   Río de Xaneiro           Brasil
Universidade de San Paulo                            San Paulo                    Brasil
Duración
O programa de formación das persoas seleccionadas terá unha duración máxima de tres anos. A data prevista de incorporación será o 1.10.2016, agás no caso das prazas localizadas nas universidades de Brasil, cuxa data será o 1.1.2017. As datas de remate serán, en todo caso, o 30.9.2019 e o 31.12.2019, respectivamente.
Requisitos
1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.
– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.
– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.
– Non atoparse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Titulación académica:
• Poderá solicitar calquera das prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
• Licenciatura en Filoloxía Galega.
• Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.
• Grao en Lingua e Literatura Galegas.
• Grao en estudos de galego e español.
• Grao en galego e portugués: estudos lingüísticos e literarios.
• Poderá solicitar as prazas localizadas en Alemaña, Italia e Croacia quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
• Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.
• Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.
2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.
3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 16.
Prazo de presentación
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.