jueves, 28 de abril de 2016

SUBVENCIÓNS PARA ADQUIRENTES, ADXUDICATARIOS OU PROMOTORES INDIVIDUAIS PARA USO PROPIO DE VIVENDA QUE CONTEN CO FINANCIAMENTO CUALIFICADO DO PLAN DE VIVENDA E REHABILITACIÓN 2009-2012

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar para a anualidade 2016, a través dun procedemento en réxime de concorrencia non competitiva, subvencións destinadas a afrontar os gastos derivados da adquisición, da adxudicación ou da promoción individual de vivenda para uso propio, por parte de persoas que obtivesen financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas físicas:
a) As adquirentes de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.
b) As adquirentes de vivendas libres de prezo limitado, así como de vivendas usadas.
c) As adxudicatarias de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral promovidas en réxime de cooperativa.
d) As promotoras individuais para uso propio de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.
2. En todo caso, será requisito necesario que as persoas beneficiarias estean acollidas ao sistema de financiamento para o primeiro acceso á vivenda en propiedade do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, así como ter formalizado un préstamo convido entre o 6 de novembro de 2009 e o 31 de decembro de 2012 e, ademais:
a) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, que conten coa escritura pública de compravenda ou adxudicación inscrita no Rexistro da Propiedade, onde conste, separadamente, o prezo da vivenda e de cada un dos anexos, se os tiver.
b) Cando se trate de persoa promotora individual para uso propio de vivenda protexida, que conte coa resolución de cualificación definitiva da vivenda.
Prazo de presentación de solicitudes:Ata o 28 de maio de 2016.