viernes, 22 de abril de 2016

PREMIOS DE ARQUITECTURA E REHABILITACIÓN DE GALICIA 2016

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA

ORDE do 11 de abril de 2016 pola que se convocan os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2016.

 Modalidades de premios
Establécense as seguintes modalidades de premios:
1. Premio galego de arquitectura. O xurado poderá outorgar o premio galego de arquitectura entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación e que teñan suficiente entidade propia como para poder ser valorados de forma independente á construción orixinal.
Dotación económica: 6.000 €.
2. Premio galego de rehabilitación. O xurado poderá outorgar o premio galego de rehabilitación entre os proxectos de rehabilitación relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente.
Dotación económica: 6.000 €.
3. Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.
4. Premios especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a continuación:
a) Á sustentabilidade. Destinado a destacar aquela actuación que supoña a implementación dunha arquitectura responsable co ambiente, os recursos e as xeracións futuras.
Dotación económica: 4.000 €.
b) Á traxectoria profesional. Recoñecemento á meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura, no territorio galego, que o outorgará o xurado con base nas propostas formuladas polas entidades integrantes do xurado.
Dotación económica: 4.000 €.
Condicións dos proxectos e das persoas premiadas
1. Poderán optar a estes premios, agás do especial á traxectoria profesional, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas entre os días 1 de xaneiro de 2011 e 31 de decembro de 2015 dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As persoas físicas ou xurídicas autoras dos citados proxectos deberán ser profesionais da arquitectura.
3. Poderán propoñerse para o premio especial á traxectoria profesional as persoas arquitectas que pola súa contribución a favor da arquitectura no territorio galego sexan merecedoras dun especial recoñecemento.
Prazo de presentación de candidaturas aos premios de arquitectura e rehabilitación e ao premio especial de sustentabilidade
1. O prazo de presentación de candidaturas será de corenta días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación da presente orde.
2. Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, a persoa secretaria do xurado levantará acta dos proxectos presentados, que será publicada na web do IGVS.