jueves, 21 de abril de 2016

PREMIOS CAMIÑO DE SANTIAGO

AXENCIA TURISMO DE GALICIA


Obxecto
Concesión dos Premios Camiño de Santiago como un recoñecemento institucional e social ás iniciativas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago, así como a aqueloutras que supoñan novos servizos ou a mellora daqueles que se prestan aos peregrinos, e ás accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, promoción e difusión, así como á posta en valor do Camiño de Santiago, da cultura xacobea e do seu patrimonio.
Os Premios Camiño de Santiago constarán das seguintes categorías:
1ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentadas polos concellos, as agrupacións de concellos, as mancomunidades, os consorcios locais, as áreas metropolitanas, se as houber, ou outras entidades locais, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago.
2ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentadas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago.
3ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades desenvolvidas polas persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).
4ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades de carácter académico, investigador ou educativo, con dúas modalidades:
a) Os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación e/ou cultura xacobea, e/ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago desenvolvidos por centros de investigación, universidades ou similares.
b) Os traballos de carácter educativo relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo polos centros de ensino de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
Beneficiarios
1. Poderán participar nesta convocatoria, segundo as categorías establecidas:
a) Na primeira categoría, os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, mancomunidades de concellos de Galicia, os consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas, se as houber, ou outras entidades locais de Galicia que presenten un proxecto.
Para os efectos desta resolución, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.
b) Na segunda categoría, as asociacións de amigos do Camiño de Santiago legalmente constituídas.
c) Na terceira categoría, as persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo calquera forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).
d) Na cuarta categoría, modalidade a), as universidades, centros de investigación ou investigadores independentes.
e) Na cuarta categoría, modalidade b), os centros de ensino de educación primaria e secundaria de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes: ata o 21 de maio de 2016.
Prazo de aceptación ou renuncia ao premio
O prazo para a aceptación ou renuncia ao premio será de 10 días hábiles desde a notificación da resolución da concesión.