viernes, 4 de marzo de 2016

AXUDAS DE APOIO Á ETAPA PREDOUTORAL NAS UNIVERSIDADES DO SUG

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
O apoio á etapa predoutoral con dúas modalidades:
– Modalidade A: axudas cofinanciadas parcialmente con FSE destinadas ao apoio á etapa predoutoral para investigadoras e investigadores que desenvolvan un proxecto de investigación en liña cos retos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 e que teñan unha persoa designada ou proposta para dirixir ou codirixir a tese que cumpra os requisitos indicados no artigo 1 da convocatoria.
Modalidade B: axudas de carácter xeral de apoio á etapa predoutoral, mediante as cales se garantirá a representación de todas as ramas de coñecemento nesta convocatoria.
Para ambas as modalidades prevese a posibilidade de realizar estadías de tres meses de duración no estranxeiro que favorezan unha mellora na formación das investigadoras e dos investigadores e que posibiliten que consigan a mención de doutora ou doutor internacional.
Beneficiarios
As universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.