lunes, 15 de febrero de 2016

PROGRAMA ESCOLAS ABERTAS PRESENCIAIS

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a realización de obradoiros culturais de especialización de carácter presencial dirixidos ás entidades galegas do exterior e ás persoas galegas residentes fóra de Galicia.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria de axudas para participar nos obradoiros para o ano 2016.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Persoas xurídicas.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para este programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
As entidades solicitantes deberán ter constituídas escolas ou grupos consolidados da especialidade que soliciten con actividade continuada, cando menos, nos dous últimos anos.
Tamén poderán ser beneficiarias as entidades que, non cumprindo o establecido no parágrafo anterior, tivesen grupos constituídos nos últimos dez anos e estean no seu proceso de recuperación.
Para solicitar o obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos.
As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e menores de 65 e responsables de impartir a docencia, na modalidade solicitada dentro da entidade solicitante. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia ou dedicación nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.
As persoas propostas pola entidade non poderán ter participado no programa Escolas Abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así fose, quedarán excluídas.
Non poderán ser beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Persoas físicas.
Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as persoas emigrantes galegas e os seus descendentes ata o segundo grao de consanguinidade, maiores de 18 anos e menores de 65, residentes fóra de Galicia, que acrediten ser responsables de impartir docencia na modalidade que soliciten en entidades distintas das mencionadas no número 1 deste artigo e que cumpran os requisitos exixidos para o resto dos participantes.
Non poderán ser beneficiarias as persoas en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin poderán ter participado no programa Escolas Abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así fose, quedarán excluídas.
3. Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.
Prazas e datas de realización
1. O número de prazas ofertadas ascende a un total de 90 distribuídas do seguinte xeito:
– Área 1 (países europeos): 21 prazas.
– Área 2 (países do resto do mundo): 69 prazas.
As prazas vacantes nunha das áreas poderanse adxudicar á outra área, de haber nela solicitudes admitidas e contar con crédito suficiente no programa.
No obradoiros de gaita, baile, canto popular e pandeireta e percusión reservarase un total de 4 prazas para as solicitudes de persoas físicas.
2. Os obradoiros desenvolveranse en Galicia durante o mes de xullo do ano 2016.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.