lunes, 15 de febrero de 2016

PROBAS DE ACCESO AOS CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E SUPERIOR DE FORMACIÓN PROFESIONAL DO SISTEMA EDUCATIVO PARA O ANO 2016

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto a regulación das probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2016.
Finalidade e persoas destinatarias das probas de acceso
1. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria nin un título de formación profesional básica, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuaren a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, nunhas condicións suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
2. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato nin un título de técnico de formación profesional, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade de continuaren formándose en ciclos de formación profesional de grao superior, coa madureza e a idoneidade suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio
Requisitos das persoas participantes
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de realización da proba.
Datas e lugares de inscrición
A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2015/16. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 4 e 15 de abril de 2016, ambos os dous incluídos.
Realización da proba
1. As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 25 de maio de 2016 no horario que se indica a seguir:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 10.00 ás 13.00 horas: parte matemática e parte sociolingüística.
– Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.
2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.
 Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior
Requisitos das persoas participantes
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para accederen a eles e teñan dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba.
Datas e lugares de inscrición
A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2015/16 (agás no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro). O prazo de presentación estará abranguido entre os días 15 e 26 de febreiro de 2016, ambos os dous incluídos.
Realización da proba
A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 39.3 do Decreto 114/2010.
1. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 20 de abril de 2016 no horario que se indica a seguir:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 10.15 ás 13.30 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua galega e Lingua castelá).
– Das 16.00 ás 18.30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo a que se desexe acceder, segundo o anexo VII desta resolución).
2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.