lunes, 8 de febrero de 2016

PREMIOS DE ARTESANÍA DE GALICIA 2016

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Convocatoria
A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, convoca os Premios Artesanía de Galicia 2016.
O obxectivo desta iniciativa é recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.
Modalidades
Establécense as seguintes modalidades:
Premio Artesanía de Galicia 2016.
Premio Traxectoria.
Premio Bolsa Eloy Gesto.
1. Premio Artesanía de Galicia 2016.
Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no seu desenvolvemento.
2. Premio Traxectoria.
Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dun/dunha artesán/á galego/a. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, as asociacións profesionais de artesáns de Galicia e outras entidades públicas ou privadas encargados de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida do/a candidato/a, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.
3. Premio Bolsa Eloy Gesto.
Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.
Participantes
1. Premio Artesanía de Galicia 2016.
Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa un artesán ou artesá rexistrados como tales, de acordo coa Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, e co Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.
2. Premio Traxectoria.
Artesáns/ás en activo ou retirados que están ou estiveron inscritos como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos.
Os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, as asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas serán as encargadas de facer a presentación das candidaturas desta categoría.
3. Premio Bolsa Eloy Gesto.
Artesáns/ás inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, cunha idade máxima de 40 anos en 2015.
Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxo titular sexa un artesán ou artesá rexistrado como tal e que acadase unha idade máxima de 40 anos en 2015.
Prazo de presentación
O prazo de presentación de candidaturas iniciarase a partir das 8.00 horas do 30 de maio de 2016 e remata ás 15.00 horas do 14 de xuño de 2016.