miércoles, 13 de enero de 2016

SUBVENCIÓN DO TÍCKET ELÉCTRICO SOCIAL DE GALICIA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto subvencionar parte da factura eléctrica ás unidades de convivencia con menores ou discapacitados cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano).
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Actuacións e gastos subvencionables
Os gastos subvencionables serán as facturas de electricidade (IVE incluído) cuxo período de lectura estea comprendido entre o 1 de xullo 2015 e o 30 de xuño de 2016. No caso de que unha factura abranga un período que saia parte do período subvencionable, considerarase subvencionable o custo prorrateado dos días incluídos no mesmo.
Beneficiarios
Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que convivan con menores de 18 anos ou discapacitados e teñan un gasto derivado do subministro de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual. Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son:
1. Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Que na unidade de convivencia haxa menores de idade ou discapacitados con un grado de discapacidade igual ou maior ao 33 %.
3. Ser o pagador da correspondente factura de enerxía eléctrica.
4. Que os ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano). A estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de todas as persoas que viven no mesmo domicilio. A determinación dos membros da unidade de convivencia realizarase atendendo á situación existente no momento da solicitude. A renda da unidade de convivencia obterase por agregación das rendas do exercicio fiscal 2014 de cada un dos membros que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Os membros da unidade de convivencia que presentasen declaración do imposto sobre a renda no 2014, para os efectos do cálculo da renda sumarán os recadros 366 (base impoñible xeral) e 374 (base impoñible do aforro) da declaración. No caso de non presentar declaración, teranse en conta os ingresos de todos os membros da unidade de convivencia durante o exercicio 2014.
5. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 do xuño, de subvencións.
6. Só poderá presentarse unha única solicitude por unidade de convivencia.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 15 de xaneiro de 2016 e rematará o 31 de xullo de 2016.