jueves, 28 de enero de 2016

PROGRAMA PROMOCIÓN INTEGRACIÓN LABORAL DISCAPACITADOS NA EMPRESA ORDINARIA E PROGRAMA EMPREGO DISCAPACITADOS NO MERCADO ORDINARIO DE TRABALLO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto, finalidade e financiamento
1. Coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade nas empresas ordinarias con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2016 das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para a integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través dos seguintes programas:
a) Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (capítulo II).
b) Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (capítulo III).
2. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
3. Os programas regulados nesta orde están financiados con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.
Persoas ou entidades beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde as que se establecen para cada programa regulado nos seus capítulos II e III, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.
2. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme á Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos puntos 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en virtude da cal se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.
3. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
4. A xustificación por parte das persoas ou entidades beneficiarias de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos puntos 2 e 3 anteriores, para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude
Os prazos de presentación de solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no capítulo II desta orde, serán os seguintes:
a) As solicitudes de axudas á contratación deberanse presentar ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2016.
b) As solicitudes de axuda pola adaptación de postos de traballo deberanse presentar antes do inicio desta adaptación, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2016.
c) As contratacións ou transformacións de contratos temporais en indefinidos e as adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 1 de outubro de 2015 e a data de publicación desta orde poderanse acoller ás súas axudas, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a contratación ou se tivese iniciado a execución do proxecto de investimento. O prazo para a presentación destas solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.
No caso das solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, entenderase que a persoa ou entidade solicitante desiste da súa solicitude cando o traballador ou traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta circunstancia ao órgano ante o que solicitou a axuda.
 O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo III desta orde, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS DESTINADAS A ACCIÓNS DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS EN GALICIA 2016

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais en Galicia, correspondentes ao exercicio de 2016, xestionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego.
2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.
Liñas e o seu financiamento
1. Estas axudas se distribúen en dúas liñas:
a) Liña 1: programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego. Cun importe total de 300.000,00 euros.
b) Liña 2: outras accións de formación sectorial e de fomento da prevención de riscos laborais. Cun importe total de 1.190.000,00 euros.
2. Unha vez realizada a proposta de resolución, e para o caso de existir remanente de crédito nunha das liñas anteriores, este poderá acumularse á outra liña.
3. A resolución das axudas previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito axeitado e suficiente no programa de gasto 09.40.324A.481.1, código de proxecto 2015/00507 no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.
4. Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións, inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das presentadas inicialmente.
5. Na liña 1, para o caso de que o orzamento dispoñible nesta liña, incluídas, de ser o caso, as incorporacións dos remanentes da liña 2, non sexa suficiente para cubrir todas as accións que sexan susceptibles de seren subvencionadas, establecerase un límite polo que, ningunha entidade beneficiaria poderá percibir, de dito orzamento dispoñible, unha contía que supere a proporción que lle corresponda en función da súa representatividade e, en todo caso, non poderá superar o 50 % de dito orzamento.
Entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias serán:
a) Na liña 1: programas de formación intersectorial: as asociacións patronais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais, e as organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de carácter intersectorial en ambos casos.
b) Na liña 2: outras accións de formación sectorial e fomento da prevención de riscos laborais:
1º. Fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.
2º. Organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.
3º. Asociacións empresariais de ámbito galego, provincial ou autonómico, sectoriais ou intersectoriais, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
4º. Asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
2. Non obstante o indicado no apartado 1, de conformidade co establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán constituír agrupacións que terán tamén a condición de beneficiarias, de acordo co seguinte:
a) Os membros asociados da beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta. Neste caso, xunto coa solicitude deberán achegar certificado expedido por quen ostente estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no que se acredite a condición de membro asociado integrante desta e un compromiso formalizado entre ámbalas dúas entidades no que se determine a parte estimada do plan que ten previsto executar, que será subscrito pola representación legal de ámbalas dúas entidades segundo o modelo establecido no anexo V. En todo caso o pagamento da subvención efectuarase á beneficiaria principal.
b) As agrupacións formadas por organizacións ou entidades previstas na Liña 1 deste artigo e as entidades vinculadas a estas que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades formativas. Deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden a esta. Conxuntamente coa solicitude deberá achegarse copia compulsada do instrumento de formalización de dita agrupación, de data anterior á solicitude da subvención, e do compromiso de execución por escrito que deben formalizar as entidades agrupadas, segundo o modelo establecido no anexo VI, subscrito pola representación legal destas, concretando que partes do proxecto realizará cada entidade, así como o compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros ante á Secretaría Xeral de Emprego e de non disolución en tanto non transcorresen os prazos de prescrición legalmente previstos.
3. Non poderán ser beneficiarias:
a) Aquelas entidades nas que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, apartados 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
c) As entidades de ámbito inferior ao provincial.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓN PARA A CONTRATRACIÓN DE ORIENTADOR LABORAL 2016

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que realicen accións de orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación ou da prórroga da contratación de persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego, no ámbito da colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
 Entidades beneficiarias. 
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na presente orde:
a) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente á mesma, sempre que por si soas ou asociadas, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2015 superior a 500 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, a tres concellos limítrofes galegos (ou a dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).
Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración con outros.
b) As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, e as fundacións dependentes das anteriores con experiencia na realización de accións de información e orientación laboral.
c) As entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social, que realicen accións de información e orientación profesional de acordo co previsto nestas bases reguladoras e sempre que estean constituídas como centros colaboradores especiais de orientación, constando como tales na relación de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego de Galicia ou, en caso contrario, xustifiquen a existencia dun colectivo cuantificable de persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social que atender.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

SUBVENCIÓN PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN COAS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación durante sete meses de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.
2. Este programa ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas, que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas, de dezaoito ou máis anos, mediante a prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten as persoas participantes a realización dun traballo efectivo que procure a práctica profesional necesaria para a integración sostible no mercado de traballo.
Entidades beneficiarias. Requisitos
1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para seren beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.
b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.
3. Para os efectos do disposto na letra b) do número anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:
a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgaran a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.
c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algún traballador ou traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar as persoas contratadas, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

miércoles, 13 de enero de 2016

SUBVENCIÓNS PARA GASTOS DE FUNCIONAMENTO DAS ENTIDADES ASOCIATIVAS GALEGAS DE AUTÓNOMOS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Finalidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2016 das subvencións destinadas a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de Galicia de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de Galicia de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de Galicia de empresas de inserción laboral, coa finalidade de apoiar de forma eficaz a consecución e o cumprimento dos fins que lle son propios, a través dos seguintes programas de axudas:
– Programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas (capítulo III).
– Programa de axudas ás entidades asociativas de centros especiais de emprego (capítulo IV).
– Programa de axudas ás entidades asociativas de empresas de inserción laboral (capítulo V).
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial, as entidades asociativas de centros especiais de emprego e as entidades asociativas de empresas de inserción laboral cuxo ámbito de actuación comprenda todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non sexan de ámbito superior ao da Comunidade Autónoma.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 30 de xaneiro de 2016.

SUBVENCIÓNS PROMOCIÓN EMPREGO AUTÓNOMO PERSOAS NOVAS INSCRITAS NO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de promoción do emprego autónomo de persoas novas desempregadas inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.
2. A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais cunha viabilidade económica e financeira que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas novas desempregadas que figuren inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil como interesadas en recibir as accións executadas no contexto da Garantía Xuvenil e que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de setembro de 2016, ambos inclusive.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no Imposto de Actividades Económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037), sempre que cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
b) Non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data de inicio de actividade laboral.
c) Terse dado de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de setembro de 2016, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
d) Non percibir subvencións ao abeiro dos distintos programas de promoción do emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Se no momento da solicitude da subvención a persoa non tivese solicitada a alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional, terase en conta a data de presentación da solicitude de subvención.
e) Non desenvolver como persoa traballadora autónoma a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivese de alta como persoa traballadora autónoma en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará a persoa traballadora autónoma colaboradora.
2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que a solicite a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
3. Quedan excluídos deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarios do programa regulado nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias sinaladas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño
5. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido nos artigos 46º e 46º bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos apartados 4 e 5 anteriores, para obter a condición de beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo das persoas novas inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil comezará o día seguinte a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2016.
Cando a mesma persoa presente solicitude polas dúas liñas de axuda, entenderase que renuncia á solicitude de axuda de autoemprego xuvenil e se procederá ao seu arquivo, que lle será notificado.

PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DAS PERSOAS MOZAS INSCRITAS NO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2016 dos programas de incentivos a contratación por conta allea que teñen por finalidade favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través dos seguintes programas:
a) Programa de incentivos á contratación indefinida inicial das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.
b) Programa de incentivos á contratación temporal das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e a súa transformación en contrato indefinido.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e Unións Temporais de Empresas deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de Unións Temporais de Empresas cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos esixidos para acceder ás axudas.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria os solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará ao día seguinte da publicación da presente orde e rematará o 30 de setembro de 2016.
Se a contratación subvencionable se formalizou entre o 1 de novembro de 2015 e a data de publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde a entrada en vigor desta orde. Neste suposto entenderase como ultimo día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do dia da publicación desta orde. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro dia hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese dia equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último dia do mes.
As axudas establecidas nesta orde polas contratacións subvencionables formalizadas a partir da entrada en vigor desta orde, deberán solicitarse ata o último dia do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral e, en todo caso, respectando o prazo xeral do 30 de setembro de 2016.


PROGRAMA DE AXUDAS A AUTÓNOMOS POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA DE ASALARIADOS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto, finalidade e principios de xestión
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2016 dos incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
2. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 19 de outubro de 2015, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.
3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Requisitos
1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que se realicen polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A primeira contratación indefinida inicial pola que se solicite subvención deberá formalizarse durante o primeiro ano de actividade. A segunda e terceira contratación indefinida poderán formalizarse ata o terceiro ano de actividade.
3. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data na que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbera outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se houbera contratado con carácter indefinido, con anterioridade, a outra persoa traballadora agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
4. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se houberan realizado dúas o máis contratacións indefinidas agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
5. O contrato indefinido inicial para que poida ser obxecto de subvención deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade.
2. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.
3. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE).
4. Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran nin os autónomos colaboradores.
5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
7. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 5 e 6 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude
 As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2016, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.                                                                                                                                               

SUBVENCIÓN DO TÍCKET ELÉCTRICO SOCIAL DE GALICIA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto subvencionar parte da factura eléctrica ás unidades de convivencia con menores ou discapacitados cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano).
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Actuacións e gastos subvencionables
Os gastos subvencionables serán as facturas de electricidade (IVE incluído) cuxo período de lectura estea comprendido entre o 1 de xullo 2015 e o 30 de xuño de 2016. No caso de que unha factura abranga un período que saia parte do período subvencionable, considerarase subvencionable o custo prorrateado dos días incluídos no mesmo.
Beneficiarios
Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que convivan con menores de 18 anos ou discapacitados e teñan un gasto derivado do subministro de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual. Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son:
1. Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Que na unidade de convivencia haxa menores de idade ou discapacitados con un grado de discapacidade igual ou maior ao 33 %.
3. Ser o pagador da correspondente factura de enerxía eléctrica.
4. Que os ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano). A estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de todas as persoas que viven no mesmo domicilio. A determinación dos membros da unidade de convivencia realizarase atendendo á situación existente no momento da solicitude. A renda da unidade de convivencia obterase por agregación das rendas do exercicio fiscal 2014 de cada un dos membros que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Os membros da unidade de convivencia que presentasen declaración do imposto sobre a renda no 2014, para os efectos do cálculo da renda sumarán os recadros 366 (base impoñible xeral) e 374 (base impoñible do aforro) da declaración. No caso de non presentar declaración, teranse en conta os ingresos de todos os membros da unidade de convivencia durante o exercicio 2014.
5. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 do xuño, de subvencións.
6. Só poderá presentarse unha única solicitude por unidade de convivencia.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 15 de xaneiro de 2016 e rematará o 31 de xullo de 2016.

AXUDAS Á HABILITACIÓN E MELLORA DE INFRAESTRUTURAS DOS PARQUES EMPRESARIAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto e réxime das subvencións
1. Estas bases teñen por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica.
2. Os proxectos a subvencionar ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2016.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Beneficiarios
Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais implantados no seu termo municipal ou nos termos municipais limítrofes. As solicitudes poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar), aos efectos do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.
Prazo de solicitude: O prazo de presentación de solicitudes será desde o 20 de xaneiro de 2016 ao 22 de febreiro de 2016, ambos os dous incluídos.

PREMIOS Á COOPERACIÓN 2016

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Finalidade
Os premios á cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que os cooperativistas, cooperativas e outras persoas e institucións veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega.
Destinatarios
1. Poderán optar a estes premios as cooperativas e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo na comunidade autónoma galega.
2. Non poderán optar aos premios á promoción do cooperativismo as asociacións ou unións de cooperativas, as oficinas de Fomento Cooperativo nin o persoal dependentes delas.
3. Non poderán resultar premiados as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Premios
Outorgaranse os seguintes premios:
a) Premio aos valores cooperativos.
b) Premio ao mellor proxecto cooperativo.
c) Premio á promoción do cooperativismo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos remata o 15 de maio de 2016. Non obstante se o período de presentación resultara inferior a un mes, as solicitudes e os traballos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS PARA FOMENTAR A REMUDA COMERCIAL

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto facilitar a remuda comercial dos pequenos comerciantes individuais autónomos que transmitan o seu negocio a un terceiro, asegurando a súa continuidade e fomentando a rexeneración do tecido comercial.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.
O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) número 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).
3. As contías da subvención serán as seguintes:
a) Os transmisores que teñan a idade ordinaria para causar a pensión de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñesen desenvolvendo, que se fixa na cantidade de oitocentos euros (800,00€).
b) Os transmisores que non teñan acadada a idade ordinaria de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñesen desenvolvendo, a razón de oitocentos euros (800,00 €) mensuais ata o último mes en que cumpran a idade ordinaria de xubilación legalmente establecida, contados desde o mes seguinte á resolución de concesión.
c) Os adquirentes do negocio comercial percibirán un pagamento único de dos mil euros (2.000 €), con independencia do número de establecementos que adquiran.
4. Durante o período de percepción das axudas reguladas nesta orde, os transmisores beneficiarios quedarán coa obriga de cotizar no correspondente réxime da Seguridade Social, no caso de que deba seguir cotizando para cubrir o período mínimo de cotización establecido, e deberán ser as propias persoas beneficiarias as que fagan o pagamento das ditas cotas de cotización á Seguridade Social, e a subscrición, de ser o caso, do correspondente convenio, ou documentación acreditativa de causar baixa no réxime de autónomos, se non se subscribe.
5. A Dirección Xeral de Comercio poderá solicitar das persoas beneficiarias o cumprimento do indicado nos preceptos anteriores, así como realizar cantas xestións sexan precisas para a súa comprobación.
6. As persoas solicitantes ou beneficiarias deberán comunicar, o antes posible, toda variación, no referente a súa situación respecto á Seguridade Social que se produza e, en todo caso, nun prazo non superior aos dez días seguintes ao da recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias. Así mesmo, no caso de falecemento dalgún solicitante ou beneficiario, este feito deberá ser comunicado polos seus herdeiros inmediatamente, xuntando a correspondente certificación de defunción.
Beneficiarios/as
1. Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os/as comerciantes retallistas que teñan capacidade legal para exercer o comercio e se dediquen a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de comercio, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.
b) Ter unha idade mínima de 64 anos feitos na data en que se presenta a solicitude.
c) Exercer, como titular do comercio, unha ou varias das actividades comerciais relacionadas no anexo II, de forma ininterrompida durante os últimos dez anos.
Non obstante, considerarase cumprido este requisito polo comerciante que sucedese ou substituíse no exercicio da actividade comercial que viña desenvolvendo o seu cónxuxe, tras o falecemento deste ou tras o abandono del de toda actividade comercial, antes da entrada en vigor desta orde, sempre que entre ambos os dous sumen os dez anos exixidos.
No caso de que a persoa solicitante estea dada de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, será considerada beneficiaria sempre que a actividade principal estea incluída dentro das agrupacións citadas. Considerarase actividade principal aquela que resulte de conxugar os elementos de facturación e superficie de venda destinada á actividade, que deberá acreditarse, se é o caso, coa presentación da declaración da renda do último exercicio.
d) Estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social nos dez últimos anos de forma ininterrompida e ter cotizado á Seguridade Social un período previo tal que lle permita completar o período de carencia exixido para causar dereito á pensión de xubilación, polo menos ao chegar á idade ordinaria de xubilación.
e) Designar a persoa física continuadora da actividade, con capacidade legal para exercer o comercio.
2. Tamén se considerarán beneficiarios/as as persoas designadas polo solicitante para a remuda comercial, con capacidade legal para exercer o comercio, e quedan vinculadas ambas as dúas persoas para a concesión da subvención.
En ningún caso pode un cónxuxe ser adquirente do outro cónxuxe que transmite a actividade comercial.
Non poderán acadar a condición de beneficiarios aqueles solicitantes en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
Prazo de solicitude: O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de agosto de 2016, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.


SUBVENCIÓN NO SECTOR COMERCIANTE RETALLISTA E ARTESANAL GALEGO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a mellora de imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).
3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, así como as federacións de comerciantes e as asociacións profesionais de artesáns, que en todos os casos cumprirán ademais os seguintes requisitos:
a) Comerciantes retallistas:
– Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social e fiscal radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.
– Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de dez (10) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
– Que estea dado de alta nalgúns dos epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que este constitúa a actividade principal do solicitante.
b) Titulares de obradoiros artesanais:
– Que o obradoiro artesán figure inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
– Que fagan uso da marca «Artesanía de Galicia».
c) As federacións de comerciantes sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) As asociacións profesionais de artesáns de Galicia legalmente constituídas.
– Que polo menos 10 dos seus membros figuren inscritos no Rexistro Galego de Artesanía.
Non poderán ser beneficiarios/as destas axudas: as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2 número 18 do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.06.2014, L 187/1); nin aqueles que tendo sido beneficiarios do procedemento IN201H, renunciasen a el ou perderan o dereito ao cobramento total da subvención.
Prazo de solicitude: O prazo para a presentación de solicitudes será dende o 18 de xaneiro ao 18 de febreiro de 2016.