miércoles, 30 de diciembre de 2015

SUBVENCIÓNS ÁS ENTIDADES PRIVADAS SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE CARÁCTER SOCIOSANITARIO

CONSELLERÍA DE SANIDADE


Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario. Os ditos programas están destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ao alcoholismo, alcoholismo e outras adiccións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria.
A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.
Requisitos das entidades beneficiarias
1. Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro cuxos fins estatutarios principais sexan a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo ao cal se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os que se solicita subvención: alcohol, alcohol e outras adiccións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria.
Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na nosa Comunidade Autónoma.
b) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.
c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendéndose como tal a presenza física e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.
d) Ter un horario mínimo de atención ao público de 20 horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.
e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa implementación.
No desenvolvemento do programa participarán os/as técnicos/as e o persoal adecuado necesarios, e a dirección e coordinación terá que levala a cabo un/unha técnico/a coa titulación universitaria axeitada para o desenvolvemento das actividades previstas, o cal será o seu responsable.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Todos os requisitos se deberán acreditar na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manter durante todo o período de execución do programa subvencionado.
Prazo de solicitude: ata o 30 de xaneiro de 2016.