martes, 22 de diciembre de 2015

PROGRAMA CONECTA PEME

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN



Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia.
2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN852A), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.
Actividades subvencionables
Son actividades subvencionables a investigación industrial, o desenvolvemento experimental, a innovación en materia de organización e a innovación en materia de procesos. Para os efectos desta resolución, entenderanse por tales conceptos as definicións contidas no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de empresas, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007) que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. As empresas poderán ser pequenas, medianas ou grandes, segundo as definicións contidas no artigo 2.
2. As agrupacións deberán estar constituídas, como mínimo, por dúas empresas non vinculadas entre si das que unha deberá ser peme e, como máximo, por seis empresas. O tamaño da agrupación será o necesario para garantir unha xestión eficaz. Na agrupación poderá participar só unha grande empresa coa participación máxima sinalada no artigo 4.2 desta resolución. No caso de que na agrupación non participe ningunha pequena empresa, será necesario que, como mínimo, unha destas sexa subcontratada por calquera das empresas da agrupación para desenvolver tarefas/actividades de I+D+i dentro do proxecto.
3. Se a agrupación de entidades participantes no proxecto non ten personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En todo caso, deberá nomearse un líder que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
4. As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión, e un dos socios, o líder, asumirá a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante a Administración, o cal deberá constar expresamente no documento contractual que se realice para ese efecto. O líder recibirá a axuda concedida e será o responsable da súa distribución entre os socios participantes, de acordo coa repartición establecida no orzamento aprobado na resolución de concesión da axuda conforme os seus compromisos de participación nel e coa resolución de pagamento tras a xustificación finalmente admitida pola Axencia Galega de Innovación.
5. A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.
6. Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Prazo de solicitude: ata o 22 de xaneiro de 2016.