miércoles, 30 de diciembre de 2015

PREMIOS E AXUDAS DO IGAPE AOS PROXECTOS PILOTO FÁBRICA 4.0

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión dun premio a un máximo de catro proxectos que inclúan no seu desenvolvemento a implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos nun grupo de pemes, así como das axudas á dita implantación para cada peme participante en cada un dos proxectos.
A implantación consistirá na incorporación ás empresas de tecnoloxías especiais relacionadas coa fábrica do futuro e o concepto «Industria 4.0», segundo os termos recollidos na Axenda de competitividade industrial, Galicia: industria 4.0, que inclúe as seguintes:
a) Robotización e robotización colaborativa.
b) Fabricación aditiva.
c) Sensórica e actuadores mecatrónicos.
d) Sistemas ciber-físicos.
e) Automatización total ou estendida.
f) Intercomunicación máquina- máquina.
g) Conectividade total ou estendida.
h) Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos).
i) Personalización de produtos.
j) Internet das cousas, internet dos equipos e máquinas.
k) Dixitalización.
l) Big Data, cloud computing e ciberseguridade aplicadas á industria.
m) Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministracións coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.
n) Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.
2. Os apoios aos proxectos Piloto fábrica 4.0 terán dúas modalidades: premio ao proxecto, que corresponderá ao organismo intermedio, e subvencións individuais aos investimentos e gastos das pemes integrantes del:
3. Para poder optar aos premios e subvencións os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007). A dita agrupación terá que estar constituída por un organismo intermedio e polo menos tres pemes galegas. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, o organismo intermedio será nomeado representante único da agrupación (en diante o líder), único interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez resolto o premio, e concedidas as axudas individuais a cada pyme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da axuda.
O documento contractual de regulación da agrupación deberá contemplar como mínimo o seguinte:
a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF e nome e DNI do representante legal.
b) Acordo de representación da agrupación e elección do organismo intermedio como representante desta ante a Administración para os efectos de interlocutor con ela.
c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta a concurso descrito no cuestionario de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.
d) Acordos de confidencialidade.
e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.
f) Autorización ao Igape para solicitar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude.
g) Sinatura de todos os integrantes.
A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.
4. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. Un organismo intermedio só poderá participar nunha agrupación. As pemes poderán participar en máis dunha agrupación, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos, referíndose a conceptos distintos de «Fábrica 4.0».
5. Non poderán ter a condición de beneficiarios as agrupacións en que participen:
a) Entidades ou empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
b) Entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).
c) Entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común
Prazo de presentación de solicitudes:
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o 12 de febreiro de 2016.