miércoles, 30 de diciembre de 2015

AXUDAS ÁS ENTIDADES PRIVADAS SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE INCORPORACIÓN SOCIAL EN VIVENDAS

CONSELLERÍA DE SANIDADE


 Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de actividades e programas de incorporación social en vivendas de apoio para pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de tratamento de drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.
A súa finalidade é apoiar as persoas a tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma.
Requisitos das entidades beneficiarias
1. Para ser beneficiario das axudas publicadas nesta orde deberán acreditarse os seguintes requisitos:
a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro, que estea inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, e modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.
b) Ser titular ou responsable da vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de drogodependencias.
c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria.
d) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, como centros de apoio social a procesos terapéuticos.
e) Estar autorizado, desde dous anos antes á anualidade desta convocatoria, polo servizo correspondente da Consellería de Política Social, segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.
f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo como tal contar con domicilio social nela, comprometéndose a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.
2. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da mesma lei.
3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
Prazo de solicitude: ata o 30 de xaneiro de 2016.