miércoles, 30 de diciembre de 2015

AXUDAS AOS PROXECTOS DE INVESTIMENTO EMPRESARIAL

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA



Proxectos obxecto de apoio

1. Serán subvencionables os seguintes tipos de proxectos de investimento:
a) Proxectos de investimento en equipos produtivos: serán subvencionables os proxectos de investimento en equipos produtivos, realizados por pequenas e medianas empresas, para ampliacións de capacidade, diversificación da produción ou cambio esencial no proceso de produción dun establecemento existente, que cumpran os seguintes requisitos:
1º. O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 50.000 € e inferior a 900.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.
2º. Deberá tratarse de investimento para o desenvolvemento das actividades relacionadas no anexo II.
3º. O investimento deberá materializarse na adquisición de:
i) Maquinaria de proceso.
ii) Instalacións específicas para a actividade subvencionable.
iii) Equipamentos e medios de transporte interior.
iv) Vehículos especiais de transporte exterior.
v) Medios de protección do ambiente asociados aos investimentos.
vi) Outros bens de equipamento, entendendo como tales aqueles bens que forman parte dos activos fixos da empresa e interveñen directamente no proceso produtivo. Non se consideran bens de equipamento produtivo as pezas de recambio nin os envases e embalaxes, aínda que sexan reutilizables.
No caso de actividades vinculadas ao turismo, os proxectos subvencionables limitaranse aos de ampliación dun establecemento existente ou cambio substancial do establecemento, salvo que se trate de proxectos de creación dun novo establecemento para actividades de turismo activo, balnearios ou talasos. Neste caso, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Turismo respecto da catalogación da actividade coma turismo activo.
4º. O prazo de execución do proxecto será o proposto polo solicitante no plan de investimentos e non poderá ser superior a 6 meses, computado desde a notificación da resolución de concesión.
b) Proxectos de investimento xeradores de emprego: serán subvencionables os proxectos de realización de investimentos xeradores de emprego realizados por pequenas e medianas empresas que cumpran os seguintes requisitos:
1º. O proxecto deberá cumprir algún dos seguintes parámetros:
i) A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente, que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 150.000 € e inferior a 900.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios, e o mantemento do emprego.
ii) A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 50.000€ e inferior a 150.000 €, sempre e cando supoña unha creación neta de emprego ligado ao investimento, cuxo custo salarial para o período dun ano, dos postos de traballo a crear, alcancen un importe comprendido entre 150.000 € e 900.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.
iii) A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 900.000 € excluíndo impostos, taxas e arbitrios e inferior a 2.000.000 €, sempre e cando se corresponda con actividades que non se consideren atendibles pola Lei 50/1985, do 27 de decembro, de incentivos rexionais para a corrección de desequilibrios económicos interterritoriais e o seu regulamento, e comporten a creación de emprego fixo.
2º. Deberá tratarse de investimento para o desenvolvemento das actividades relacionadas no anexo II. Para as actividades vinculadas ao turismo, os proxectos subvencionables limitaranse aos de ampliación dun establecemento existente, salvo que se trate de proxectos de creación dun novo establecemento para actividades de turismo activo, balnearios ou talasos. Neste caso, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Turismo respecto da catalogación da actividade coma turismo activo.
3º. Serán subvencionables os investimentos materializados nos seguintes conceptos:
i) Obra civil: oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto.
ii) Adquisición de edificacións ou construcións, por un importe que non exceda do 10 % do gasto total subvencionable.
iii) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. No sector de transporte non son subvencionables os medios e equipamento de transporte exterior.
iv) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.
v) Activos inmateriais, en contía non superior ao 50 % do investimento subvencionable. Entenderanse como subvencionables, sempre que cumpran as condicións do artigo 1.2.g) destas bases reguladoras.
4º. Será, así mesmo, subvencionable o custo salarial para o período dun ano, nos proxectos relacionados no punto 1º.ii) anterior. Enténdese por custo salarial o importe composto polo salario bruto, é dicir, antes de impostos, e as cotizacións obrigatorias, como a seguridade social.
5º. O prazo de execución do proxecto será o proposto polo solicitante no plan de investimentos e non poderá ser superior a 12 meses, computado desde a notificación da resolución de concesión. No caso dos proxectos relacionados no punto 1º.ii) anterior, nos cales a base subvencionable sexan os salarios do período de 12 meses, este computarase desde a data establecida para o remate dos investimentos.
6º. Nos proxectos xeradores de emprego definidos nos puntos ii) e iii) do punto 1º, e no caso do primeiro establecemento, dos definidos no punto i), o solicitante deberá comprometerse á creación de emprego con carácter indefinido. Así mesmo, para os proxectos definidos no punto iii), o Igape exixirá nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario. Para a determinación dos fondos propios a exixir, terase en conta o seguinte procedemento:
Incremento de fondos propios teórico = 0,25 I + (0,4 ATN - FP + 0,15 I), onde:
I= investimento subvencionable do proxecto.
ATN= activo total neto antes do proxecto.
FP= fondos propios antes do proxecto.
O prazo de cumprimento dos ditos requisitos será o de execución do proxecto, de acordo co establecido no punto anterior.
7º. Naqueles casos de subvención ás construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a base sobre a que se aplicará a subvención será a que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos, unha vez aplicados os módulos e criterios recollidos no anexo III e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen sexan propiedade do solicitante ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente. Se dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión da subvención foron alleadas as instalacións da antiga localización do solicitante e o importe neto da venda resultou superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos da subvención, reaxustarase o importe da subvención concedida.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as sociedades mercantís con tamaño de pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable.
c) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise de acordo coa definición de empresa en crise establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE.
4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o día 16 de decembro de 2016 ou no momento en que se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro). A data límite de peche da convocatoria será o 30 de decembro de 2016.