lunes, 21 de diciembre de 2015

AXUDAS AOS INVESTIMENTOS PARA A ELABORACIÓN E COMERCIALIZACION DE PRODUTOS VITÍCOLAS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de investimentos no sector vitivinícola en Galicia establecidas no Real decreto 1079/2014, do 19 de decembro, para a aplicación das medidas do programa de apoio 2014-2018 ao sector vitivinícola, así como realizar a convocatoria para o ano 2016.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios da medida de investimentos as empresas que realicen actividades de transformación ou comercialización de produtos vitivinícolas ou ben ambas as dúas actividades simultaneamente. Entenderase por produtos vitivinícolas os mencionados na parte II do anexo VII do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e que se producisen no territorio español.
A empresa deberá ter empezado o desenvolvemento das devanditas actividades con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda ou comezala coa execución do proxecto de investimento motivo da solicitude de axuda.
No obstante, cando se trate de solicitantes cuxa actividade sexa, ou pretenda ser, unicamente a comercialización de produtos vitivinícolas, deberán satisfacer, segundo corresponda, os seguintes requisitos:
a) Se se trata dunha empresa xa en actividade, polo menos un 80 % da súa facturación do último exercicio pechado deberá proceder da comercialización de produtos vitivinícolas.
b) Se se trata dunha empresa cuxa actividade se iniciase coa execución do proxecto de investimento motivo da solicitude de axuda, deberá comprometerse a que polo menos o 80 % da súa facturación anual durante o período de durabilidade dos investimentos proceda da comercialización dos produtos vitivinícolas.
En todo caso, o beneficiario da axuda deberá ser o responsable final do financiamento do proxecto, de tal forma que o gasto do investimento deberá soportarse na súa contabilidade.
2. O tipo máximo de axuda a que se refire o artigo 9 desta orde aplicarase ás microempresas e pequenas e medianas empresas, segundo se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003.
O tipo máximo de axuda a que se refire o artigo 9 reducirase ao 50 % para as empresas que non están cubertas polo título I, artigo 2, número 1 da Recomendación 2003/361/CE, con menos de 750 empregados ou cuxo volume de negocios sexa inferior a 200 millóns de euros (empresas intermedias).
O tipo máximo de axuda a que se refire o artigo 9 reducirase ao 25 % para as empresas que non están cubertas polo título I, artigo 2, número 1 da Recomendación 2003/361/CE, con 750 ou máis empregados e cuxo volume de negocios sexa igual ou superior a 200 millóns de euros (grandes empresas).
3. Para determinar o número de empregados e o volume de negocios dos solicitantes que non sexan microempresas ou pequenas e medianas empresas, utilizaranse os mesmos criterios de cálculo establecidos para estas na Recomendación 2003/361/CE da Comisión.
4. Os solicitantes das axudas deben ter instalacións en Galicia, ou prever telas coa execución dos investimentos para os cales se solicita axuda, dedicadas á produción ou comercialización de produtos vitivinícolas, agás, nos casos de proxectos de comercialización noutro Estado membro, nos cales o requisito exixible é que os solicitantes teñan o seu domicilio fiscal en Galicia.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.