jueves, 29 de octubre de 2015

PROGRAMA ADQUISICIÓN DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS EN MATERIA DE INTERNACIONALIZACIÓN EMPRESARIAL

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
1.1. O obxecto destas bases é a convocatoria de 100 prazas para a capacitación de mozos profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación teórica ou práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.
1.2. O obxectivo destas bases é formar especialistas no ámbito da internacionalización empresarial baixo dúas modalidades posibles:
a) Formación teórica de xestor de exportación. Esta formación, non remunerada, segue unha metodoloxía enfocada a apoiar as pemes no seus procesos de internacionalización. Máximo: 40 prazas (ver detalle no anexo I de modalidades de formación).
b) Formación práctica no estranxeiro e/ou en Galicia (en oficinas da rede Pexga, antenas Igape no estranxeiro, oficinas comerciais de España no exterior, cámaras de comercio españolas no estranxeiro, organismos multilaterais, Igape, organismos intermedios galegos, centros de investigación, empresas e/ou outros organismos en Galicia ou no estranxeiro). Para realizar labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras. Máximo 60 prazas (ver detalle no anexo I de modalidades de formación).
1.3. Os solicitantes deben indicar no formulario de solicitude a súa orde de preferencia na modalidade de formación, xa que ambas as modalidades son incompatibles entre si e, no caso de que non sexa posible adxudicar a primeira opción elixida, adxudicarase a segunda. Os solicitantes que só poden acceder á opción de formación teórica de xestor de exportación, segundo o indicado no artigo 2.2.c), só terán que cubrir esta opción.
 Requisitos dos solicitantes
2.1. Requisitos comúns para ambas as modalidades de formación:
a) Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1980.
b) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e estar empadroado -na data de publicación destas bases no DOG- nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia cun ano de antigüidade á data de publicación destas bases.
c) Non ter desempeñado en España con anterioridade -na data de publicación no DOG destas bases- traballos por conta allea dados de alta no grupo de cotización 1 ou 2 por un período total superior a 365 días (experiencia laboral en España distinta a bolsas de formación e contratos para a formación e a aprendizaxe).
d) Non ter estado -na data de publicación no DOG destas bases- dado de alta como autónomo durante máis de 730 días.
e) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes:
• Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Márketing e Dirección Comercial, Márketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, ou outras con distinta denominación pero de contidos similares ás citadas.
• Formación profesional: técnico superior en Comercio Internacional.
• Outras titulacións universitarias non preferentes (licenciatura, diplomatura ou grao) doutras temáticas coa condición de que se dispoña, ademais, de título de máster en Comercio Internacional.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster, non se require que estean homologados.
f) Coñecementos de inglés (falado e escrito).
Esta capacidade acreditarase mediante a realización dun exame no cal os aspirantes deberán demostrar, como mínimo, nivel B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas.
Os aspirantes que non comparezan ou non acaden o nivel mínimo B1 na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.
Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinarse de inglés, poderán indicar na solicitude ata tres idiomas adicionais dos que queiran examinarse, de cara a ter máis puntos no baremo. Os idiomas adicionais dispoñibles son alemán, francés e portugués.
g) Dispoñer dos medios técnicos establecidos no anexo I de modalidades de formación. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do solicitante de dispoñer dos citados medios.
h) Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no Servizo Público de Emprego de Galicia, antes da data de presentación da súa solicitude de axuda.
2.2. Requisitos específicos para a modalidade de formación práctica:
a) Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.
b) Non ter desfrutado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas con posterioridade. Estes solicitantes só poderán optar á opción de formación teórica de xestor de exportación.
c) No caso de ter desfrutado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos de Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España, só se poderá optar á opción de formación teórica de xestor de exportación. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.
d) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 30 de novembro de 2015.