martes, 29 de septiembre de 2015

CONVOCATORIA PROBAS COMPETENCIA PROFESIONAL XESTOR DE TRANSPORTE EN EMPRESAS DE TRANSPORTE POR ESTRADA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


En sesión do 18 de setembro de 2015, o tribunal designado pola Resolución da Dirección Xeral de Mobilidade do 11 de febreiro de 2015, para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada,

ACORDOU:

Primeiro. Os exercicios da segunda convocatoria do ano 2015 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 24 de outubro de 2015, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela).
Segundo. Os/as aspirantes que fosen admitidos/as para a realización das probas serán citados/as en chamamento único segundo a seguinte distribución:
a) Transporte interior e internacional de viaxeiros/as: todos eles/as ás 9.00 horas.
b) Transporte interior e internacional de mercadorías:
Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras A-L (ambas as dúas inclusive): 9.00 horas. Non obstante, todos/as aqueles/as aspirantes incluídos/as nesta relación que estean admitidos/as tamén para as probas de viaxeiros/as quedan convocados/as para as 16.15 horas.
Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras M-Z (ambas as dúas inclusive): 16.15 horas.
Terceiro. Unha vez situados/as os/as aspirantes dentro da aula, non se permitirá a súa saída, agás no suposto de entrega do exercicio. Non obstante, o tribunal poderá apreciar a concorrencia de circunstancias médicas debidamente acreditadas, como no suposto de mulleres embarazadas, toma de medicamentos ou similares, que fagan necesario que o/a aspirante teña que ir ao baño.
Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentarse provistos/as de DNI en vigor ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, tamén en vigor; a súa falta dará lugar á non admisión do/da aspirante á realización das probas. Recoméndase igualmente aos/ás aspirantes que concorran provistos/as da copia da solicitude de admisión e da folla xustificativa do pagamento das taxas de exame.
Así mesmo, deberán dispor dun lapis do número 2 e de goma de borrar para realizar o exame, de xeito que se poida efectuar a súa corrección mediante mecanismos automatizados. Poderán tamén levar máquinas calculadoras sen memoria RAM para realizar as operacións matemáticas que resulten necesarias.
Quinto. Non se permitirá o acceso á sala onde se realizarán os exercicios con teléfonos móbiles.
Igualmente, tampouco se permitirá o acceso e tenza de axendas ou outros dispositivos de carácter electrónico, agás o indicado no punto anterior respecto das máquinas calculadoras. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento do que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización das probas.
Advírtese que non haberá servizo de recollida de teléfonos móbiles.

lunes, 28 de septiembre de 2015

MODIFICACIÓN DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DAS PERSOAS MOZAS INSCRITAS NO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL

AXUDAS PARA O INICIO DE ESTUDOS UNIVERSITARIOS NO CURSO 2015/16 NAS UNIVERSIDADES DO S.U.G.

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
O obxecto desta convocatoria é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula universitaria dos alumnos e alumnas que inicien estudos universitarios no curso 2015/16 no Sistema universitario de Galicia conducentes á obtención dun título oficial de grao.
Requisitos dos/as solicitantes
Poderán solicitar estas axudas os alumnos e alumnas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Acreditar unha cualificación nas probas de acceso á universidade (PAU) ou noutras ensinanzas que lles permita o acceso cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos, excluíndo a fase específica.
b) Posuír a nacionalidade española, ou doutro país da Unión Europea ou de países terceiros, cando se acredite a condición de residente en España, e quedan excluídos os que estean en situación de estadía.
c) Estar matriculado por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2015/16 dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao.
d) Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os cales solicita a axuda.
e) Non estar incluídos nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 11 do Decreto 90/2015, do 18 de xuño (DOG núm. 123, do 2 de xullo), polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2015/16.
f) Que a renda da unidade familiar non supere os seguintes limiares:
– Familias de 1 membro: 14.112,00 euros.
– Familias de 2 membros: 24.089,00 euros.
– Familias de 3 membros: 32.697,00 euros.
– Familias de 4 membros: 38.831,00 euros.
– Familias de 5 membros: 43.402,00 euros.
– Familias de 6 membros: 46.853,00 euros.
– Familias de 7 membros: 50.267,00 euros.
– Familias de 8 membros: 53.665,00 euros.
A partir do oitavo membro engadiranse 3.391,00 euros por cada novo membro computable da familia.
g) Non ter recibido esta axuda en convocatorias anteriores.
Prazo de solicitude: ata o 28 de outubre de 2015.

jueves, 24 de septiembre de 2015

OMIX AS NOGAIS: BOLETÍN SEMANAL

AXUDAS A PARTICULARES PARA A ADQUISICIÓN MOBILIARIO DE COCIÑA E BAÑO

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


 Obxecto
As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape destinadas a incentivar a demanda de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño en Galicia, para persoas físicas, co fin de incrementar e incentivar a demanda interna e tratar de repercutir con ela nos sectores industriais e comerciais galegos, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.
O Igape publicará na súa páxina web www.igape.es/reforma15 a relación actualizada en todo momento dos establecementos de venda adheridos ao programa.
Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas
1. Serán subvencionables as operacións de adquisición de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño (excluídos electrodomésticos) realizadas nun establecemento de venda adherido, que cumpran as seguintes condicións:
a) Adquirir un ou varios bens obxecto de subvención nalgún dos establecementos de venda adheridos á presente iniciativa.
b) Para ser subvencionable unha operación de compra deberá acadar un custo mínimo de 1.000 € (sen incluír IVE).
c) A subvención máxima que se percibirá por persoa física será de 1.000 € nunha ou varias operacións.
d) Os bens obxecto de axuda deberán ser destinados, nun prazo de tres meses desde a solicitude, á reforma ou nova instalación de mobiliario no enderezo indicado na solicitude de axuda. Este domicilio non poderá figurar en ningún expediente doutro solicitante de axuda ao abeiro deste programa. Os beneficiarios da axuda declararán responsablemente que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional.
e) Os establecementos de venda deberán identificar claramente os materiais e pezas de mobiliario susceptibles de axuda conforme o establecido nestas bases.
f) Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
2. Non se considerarán subvencionables os gastos e custos financeiros que sexan consecuencia do investimento nin os gastos realizados en bens usados.
3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da presentación da solicitude e o derradeiro día do prazo de xustificación.
4. O IVE (imposto sobre o valor engadido) considerarase gasto subvencionable, dado que os beneficiarios son particulares, para xustificar o cal será necesario realizar unha declaración responsable (establecida na solicitude-anexo II) en que se indique que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional. Porén, para calcular a contía da subvención terase en conta o prezo dos bens impostos excluídos.
5. A contía da axuda será dun 20 % sobre o prezo dos bens, impostos excluídos, e antes do desconto requirido no seguinte parágrafo, cun máximo acumulado de subvención de 1.000 € por beneficiario.
A axuda do Igape virá condicionada a un desconto realizado polo establecemento de venda, que será realizado sobre a base impoñible da factura, de importe polo menos da mesma contía que a axuda outorgada polo Igape.
Polo tanto, a diferenza de prezo sobre a base impoñible resultante para o comprador dos bens obxecto de axuda será do 40 % desta, cos límites expostos, mediante o desconto e a subvención á compra, sen prexuízo de calquera desconto adicional que se poida obter por políticas concretas de venda ou promocións dos establecementos ou fabricantes.
6. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao seu valor do mercado.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes de axuda (que inclúen a documentación xustificativa e a solicitude de cobro) comezará 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 16 de novembro de 2015, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IG219).
O prazo de xustificación da axuda estenderase ata o 30 de novembro de 2015.

martes, 22 de septiembre de 2015

OMIX-AS NOGAIS: BOLETIN EURODESK SETEMBRO

GALEUROPA BOLSAS PRACTICAS FORMATIVAS EN EMPRESAS EUROPEAS

A Asociación Erasmus Compostela convoca 20 estadías prácticas formativas en empresas, de dous meses de duración, en Reino Unido, Italia e Portugal para mozos e mozas de menos de 25 anos.

O obxectivo desde programa, ao abeiro da orde convocada pola Consellería de Traballo e Benestar con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil cun dobre obxectivo: que se reforce a súa empregabilidade e as competencias profesionais ao mesmo tempo que adquiren competencias en idiomas estranxeiros.

Requisitos
- Deberán estar inscritos e inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX) no eido da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Deberán ter menos de 25 anos, ou menos de 30 se teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. O requisito da idade debe cumprirse no momento de solicitar inscrición no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Deberán dispor da Tarxeta Sanitaria Europea.
- Non ter traballado nos 30 días anteriores ao momento de recibir a actuación.
- Non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos noventa días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.
- Non ter recibido accións formativas que comportan máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

Os mozos e mozas comezarán a estadía o 30 de setembro e rematarana o 30 de novembro, tempo durante o cal realizarán 100 horas prácticas ao mes en empresas multidisciplinares vencelladas ao perfil de cada participante e máis de 50 horas de idiomas na lingua de traballo de destino. Para a organización, contarán cun titor que fale castelán no país de destino.

Mais información en:
http://www.esnsantiago.com/galeuropa/
galeuropa@esnsantiago.com Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
 

ENTIDADES COLABORADORAS ADHERIDAS AOS PLANS RENOVE DE FIESTRAS E DE CALDEIRAS DE ALTA EFICIENCIA

lunes, 21 de septiembre de 2015

AXUDAS ÁS ASOCIACIÓNS DE CONSUMIDORES DE GALICIA

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO


Obxecto 
As axudas reguladas nestas bases teñen por obxecto a realización por parte das asociacións de consumidores inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia dun programa de actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica coas especificidades que se establecen no artigo 2 destas bases.
 Actuacións e gastos susceptibles de axuda
1. As axudas concederanse para atender os gastos xerados polo desenvolvemento de programas de actividades que impliquen sensibilización, formación e divulgación que xeren, no consumidor a que van dirixidas, un grao de coñecemento da problemática da facturación e consumo de subministración eléctrica co fin de adquiran os coñecementos suficientes que lles permitan tomar decisións que redunden nun aforro e racionalidade do gasto en consumo eléctrico.
2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
Todos estes gastos teñen que ser realizados e efectivamente pagados dende a entrada en vigor da presente orde e ata a data límite de xustificación establecida no artigo 15.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación das solicitudes comezará ao día seguinte da publicación desta orde no DOG e rematará cando se esgoten os fondos económicos consignados. En todo caso, finalizará no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
 Non obstante, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgote o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web do Instituto Galego de Consumo.

lunes, 7 de septiembre de 2015

CONVOCATORIA EXAMES PARA A OBTENCIÓN OU AMPLIACIÓN A OUTROS IDIOMAS DA HABILITACIÓN DE GUÍAS DE TURISMO ESPECIALIZADOS DE GALICIA

AXENCIA TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2015 pola que se convocan os exames para a obtención ou ampliación a outros idiomas da habilitación de guías de turismo especializados de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 73/2015, do 7 de maio, polo que se regula a profesión de guía de turismo de Galicia, esta dirección, en exercicio das competencias sinaladas no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, acorda convocar exames para a obtención ou ampliación a outros idiomas da habilitación de guías de turismo de Galicia e
RESOLVE:
Convocar os exames para a obtención ou ampliación a outros idiomas da habilitación de guías de turismo de Galicia no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Requisitos dos/as candidatos/as.
Os aspirantes que pretendan concorrer ás probas para a obtención da habilitación como guía de turismo de Galicia deberán cumprir cos seguintes requisitos de conformidade co establecido no artigo 5.2 do Decreto 73/2015:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea signatario do Acordo sobre Espazo Económico Europeo ou de calquera outro dos Estados a que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras. Así mesmo, poderán participar nas probas os cidadáns estranxeiros con residencia legal en España.
b) Ser maior de idade.
c) Posuír algún dos seguintes títulos:
1º. Ciclo formativo de grao superior de formación profesional ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.
2º. Grao ou diplomatura universitaria ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.
3º. Mestrado oficial universitario, licenciatura ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.
4º. Gran diploma de xestión e dirección de empresas hoteleiras.
5º. Diploma de xestión de empresas hoteleiras.
6º. Diploma superior en xestión hoteleira.
d) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poida ser incompatible coas funcións de guía de turismo.
e) Acreditar o dominio das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e dalgunha lingua estranxeira, salvo que se opte por realizar a correspondente proba de idiomas nos termos recollidos no punto 13.
 Prazo de presentación das solicitudes: Ata o 7 de outubro de 2015.

martes, 1 de septiembre de 2015

CONVOCATORIA PARA OBTENCIÓN DE CERTIFICACIÓN GALEGA DE COMPETENCIAS DIXITAIS EN OFIMÁTICA

AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA


Obxecto
Obter a certificación galega de competencias dixitais, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro, tras a adquisición, mediante un curso de preparación na modalidade de teleformación, das capacidades que constitúen o Plan formativo ofimático de Galicia e a súa posterior avaliación a través da correspondente proba presencial.
Destinatarios
Persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes do remate do prazo de inscrición.
Organización do curso
a) Número de prazas: 180.
b) Duración: 12 semanas (190 horas lectivas).
c) Modalidade: teleformación titorizada a través da plataforma EMA da rede CeMIT.
d) Datas de realización: no cuarto trimestre do ano.
Presentación de solicitudes e prazo
1. As persoas que desexen participar no curso convocado nesta resolución deberán inscribirse na páxina web de CeMIT (http://cemit.xunta.es).
2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da rede CeMIT. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
3. O prazo para a inscrición será de cinco (5) días naturais a partir do seguinte da publicacion desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
A inscrición poderá realizarse a través da internet desde as 9.00 horas da data de inicio e ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
4. Unha vez que remate o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.es), así como un número adecuado de reservas.
5. As persoas admitidas deberán aboar, no prazo de cinco (5) días naturais desde a data da súa publicación, a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame, e serán excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
6. Unha vez finalizado o prazo para que as persoas admitidas aboen os dereitos de exame, e no caso de existiren prazas libres, chamarase da lista de espera ata cubrir todas as vacantes.







AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR PARA EDUCACIÓN PRIMARIA, ESO OU EDUCIÓN ESPECIAL

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto da convocatoria e procedemento
1. O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2015/16.
2. Esta convocatoria tramitarase polo procedemento establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da subvención non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.
Requisitos
1. Para ser beneficiario desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nun centro sostido con fondos públicos durante o curso escolar 2015/16.
b) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros
Lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As axudas serán solicitadas polos pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado. Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna matriculados, de xeito que, se un solicitante ten varios fillos ou fillas matriculados nas ensinanzas obxecto da convocatoria, xa sexa no mesmo ou en distinto centro, deberá presentar unha solicitude para cada un deles.
2. As solicitudes (anexo I) deberán presentarse en soporte papel, preferentemente no centro en que estea matriculado o alumno ou alumna, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) .
3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.