miércoles, 29 de abril de 2015

BOLSAS DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

CONSELLO DA CULTURA GALEGA


Obxecto
Esta resolución ten como obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria de tres bolsas de colaboración en proxectos de investigación concretos que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e que se inclúen como anexos a esta resolución, na cal se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.
As bolsas regulamentadas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia. Cada bolsa estará dotada con novecentos cincuenta euros (950,00) por un período de seis (6) meses.
Requisitos xerais
Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarios/as delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión da titulación académica requirida para a bolsa para a cal presente solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2010/11 ou posterior.
c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega.
d) Non incorrer nalgunha das causas de prohibicións para ser beneficiario/a, ás cales se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 29 de maio de 2015.