lunes, 6 de abril de 2015

AXUDAS A CONTRATRACIÓN DE SEGUROS AGRARIOS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto e beneficiarios
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios incluídos no Plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2015 e convocalas para o mesmo ano, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.
2. A Consellería do Medio Rural e do Mar concederá estas axudas en réxime de concorrencia e poderán ser beneficiarios delas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2015 e liñas gandeiras dos plans 2014 e 2015, formalizadas no 2015, e cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas nesta orde os titulares de explotacións de acuicultura continental.
3. As subvencións a que fai referencia esta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por grandes empresas e empresas dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrícolas, de conformidade co establecido nas vixentes directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal.
Para os efectos de identificar as grandes empresas, terase en conta a definición de pequena e mediana empresa contida no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
4. Segundo o establecido no número 2 do artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas axudas exceptúanse do requisito de fixar unha orde de prelación das solicitudes, procedéndose ao pagamento destas ata o esgotamento do orzamento consignado.
5. As subvencións establecidas nesta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por asegurados que, de acordo co artigo 2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, teñan a consideración de administracións públicas.
Entidades aseguradoras autorizadas
1. A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Competitividade e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros autorizados, de conformidade co previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados, e demais normativa de desenvolvemento.
2. A contratación con estas entidades poderase realizar de forma individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores de seguros. Non obstante, soamente aqueles tomadores que se inscriban no Rexistro de Tomadores da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) poderán percibir as subvencións públicas adicionais que por contratación colectiva se establezan.
Procedemento e prazos de execución
1. A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e, ademais, se cumpran os distintos puntos referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na declaración do seguro especificarase, na parte de subvencións para comunidades autónomas, a expresión literal de «subvención da Comunidade Autónoma de Galicia».
2. A contratación da póliza de seguro constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos exixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que non foron obxecto de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das subvencións.
En aplicación da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contratación da póliza de seguro polo solicitante implica a autorización deste para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento dos ditos requisitos a través de certificados telemáticos, salvo denegación expresa daquel.
3. No caso daquelas pólizas de seguro correspondentes á modalidade «renovable», terá a consideración de solicitude de subvención a póliza de seguro inicialmente subscrita mediante a formalización da declaración do seguro, conxuntamente co recibo de pagamento da correspondente anualidade. Neste senso, presumirase que o pagamento do recibo da póliza constitúe a manifestación da aceptación das condicións do seguro e de reunir os requisitos para a percepción das subvencións correspondentes.
4. As datas de inicio e o prazo de subscrición e formalización da correspondente póliza de seguro sinálanse de forma particular para cada liña de contratación no Plan anual para o ano 2015, onde constan as datas de inicio para a subscrición das pólizas de seguro de que se trate.