lunes, 26 de enero de 2015

SUBVENCIÓN AOS PROXECTOS DINAMIZADORES DAS ÁREAS RURAIS DE GALICIA PARA PROXECTOS DE EQUIPAMENTOS TÉRMICOS DE BIOMASA

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA


 Obxecto
O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para o quentamento dun fluído mediante equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible.
Beneficiarios
1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:
a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.
b) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes.
c) As persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, as súas agrupacións e asociacións.
2. Quedan excluídas aquelas empresas que non teñan a consideración de pemes, segundo os termos definidos no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías (Regulamento (CE) 651/2014 da Comisión). Os datos para o cálculo de efectivos, os importes financeiros e o período de referencia serán os referidos nos artigos 4 e 5 do anexo I do citado regulamento.
3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía, nos termos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.
4. Se as empresas non tiveren o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da comunidade autónoma.
5. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
6. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
7. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, nin as empresas exceptuadas do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e máis do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da agricultura.
8. As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas de dereito privado deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Estas agrupacións non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 26 de febreiro de 2015.